Miguel Lorenzo acusa ao BNG de “bloquear o cambio político na Coruña”
O portavoz do Grupo Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, cargou este xoves contra o BNG pola súa postura respecto á xestión da alcaldesa Inés Rey. Lorenzo considera unha "contradición evidente" que a formación nacionalista critique abertamente o labor do goberno municipal, afirme que non confía na alcaldesa e, ao mesmo tempo, rexeite calquera cambio político que inclúa ao PP.
“Se o BNG quere o mellor para A Coruña, non pode denunciar a situación actual e impedir unha alternativa política que poida devolver o impulso á cidade. Por encima das ideoloxías teñen que estar os intereses dos coruñeses”, sinalou o portavoz popular. Lorenzo lembrou ademais que o Partido Popular foi a forza máis votada nas últimas eleccións municipais e asegurou que esta negativa do BNG supón "bloquear a posibilidade de construír un goberno estable".
Lorenzo criticou que o BNG anunciase a súa intención de non apoiar os orzamentos municipais, afirmando que están "desconectados das necesidades reais da cidade", e que ao mesmo tempo denuncie publicamente que a alcaldesa non atende os problemas dos coruñeses. “Non se entende que, tras manifestar que se senten enganados pola alcaldesa e que desconfían da súa xestión, non apoien unha moción de censura. Isto é permitir que todo continúe igual, algo que A Coruña non pode permitirse”, engadiu.
O líder popular subliñou que o goberno actual está a "afundirse na súa propia inacción", o que afecta á economía, aos servizos públicos e aos proxectos estratéxicos da cidade. “O BNG, ao non asumir a súa responsabilidade para facilitar un cambio, está sendo cómplice desta parálise”, destacou.
Finalmente, Lorenzo fixo un chamamento á reflexión: “A cidade precisa uns orzamentos que marquen un rumbo claro e unha política de futuro. Se o BNG non está disposto a iso, debe explicar aos coruñeses por que decide manter un goberno que eles mesmos critican abertamente”.