O BNG pide apostar máis pola cultura que nace da sociedade galega
A número 2 da candidatura do BNG ao Parlamento de Galiza pola Coruña, Mercedes Queixas, visitou esta mañá de mércores o espazo sociocultural Galgo Azul, que está a animar a cultura de base no barrio da Agra do Orzán.
Durante a visita a nacionalista galega estivo acompañada polo director do espazo, Juan Rodríguez e por Iria Taibo, a número 8 da candidatura nacionalista. “Estamos a falar dunha iniciativa que vén cubrir un oco moi importante que estaba pendente no ámbito da dinamización sociocultural do barrio da Agra”, quixo remarcar Queixas.
Tamén aproveitou para subliñar que dende o BNG sempre se aplaude a este tipo iniciativas, que teñen o seu sostén na cultura de base e que axudan á cohesión social e a crear unha rede de afectos e de coñecementos arredor da cultura.
Mercedes Queixas aproveitou para lanzar unha mensaxe aos galegos de cara ás elección do 18 de febreiro: "Un goberno presidido por Ana Pontón será o máis firme aliado da cultura de base, aquela que fai cidade desde os barrios, en contraste cun PP que confunde cultura con grandes espectáculos desatendendo o talento e a creación que xorden da propia sociedade galega.