Mercedes Queixas reúnese en Cambre con usuarias do Servizo de Atención ao Fogar
A número 2 do BNG ao Parlamento galego, Mercedes Queixas, mantivo, esta mañá en Cambre unha reunión con persoas usuarias do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) para coñecer de primeira man as súas demandas e necesidades.
A candidata nacionalista indicou que dende o seu partido comparten as inquietudes destas traballadoras, beneficiarias dun servizo público cunhas condicións mellorables. Queixas sinalou que nos últimos 15 anos de goberno do PP ao fronte da Xunta a xestión dos servizos de benestar social foi irresponsable e tendendo á privatización e a propaganda.
Falou de irresponsabilidade porque a Xunta renunciou a asumir as súas competencias en materia de benestar “e delegounas irresponsabelmente nos concellos, cando estes en moitos casos carecen dos recursos suficientes”. De privatización porque o PP ve nos coidados das persoas maiores e discapacitadas un negocio, como demostra o feito de que ao longo destes anos “se ofreceran cero prazas públicas á sociedade galega nas residencias de maiores e nos centros de día”.
E a propaganda, facendo alusión á presentación do Bono Coidado, "algo que nin é nova nin é universal, ao deixar fóra as persoas dependentes de grao cero”. Trátase simplemente dunha “mínima actualización” (apenas 416 euros mensuais) que, alén de máis, “non é produto dunha iniciativa propia da Xunta, senón que vén obrigada pola reforma da Lei de Dependencia estatal”.
O BNG reclama “máis servizos públicos e menos bonos, menos mentiras, menos manipulación”
No encontro coas persoas usuarias do SAF, Queixas comprometeuse a que a alternativa liderada por Ana Pontón artellará un Sistema Galego de Benestar que garantirá os coidados, colocará as persoas no centro e reforza o Sistema de Atención ao Fogar cunha achega de 86 millóns de euros”, o cal, remarcou, vai a permitir mellorar as condicións laborais das traballadoras e a calidade das prestacións que reciben os beneficiarios do servizo.