Mercedes Queixas postula ao BNG como a mellor alternativa para Galicia

ACoruñaXa
A candidata nacionalista interviu nun mitin en Narón onde denunciou que "Galiza foi a menos porque o PP sempre pensou Galiza en pequeno"
Mercedes Queixas mitin en Narón 2
4 Feb 2024

A número 2 pola provincia da Coruña, mercedes Queixas, asistiu este domingo a un mitin en Narón no que defendeu que o 18 de febreiro vaise abrir paso o cambio galego liderado por Ana Pontón e afirmou que, tal e como establecen os inquéritos, a maioría da sociedade “suspende o Goberno Rueda”.

A docente de profesión e a candidata nacionalista fixo unha avaliación dos 15 anos de goberno ininterrompidos da dereita na Galiza. “A Xunta suspende en sanidade -e hoxe Compostela viviu unha manifestación multitudinaria en defensa da sanidade pública-, suspende en educación, dependencia, poboación, lingua, vivenda e industria”, dixo.

“Co PP Galiza foi a menos porque o PP sempre pensou Galiza en pequeno”, engadiu nun mitin no que tamén tomaron a palabra a concelleira Bea Mosquera, os candidatos Ramón Fernández Alfonzo e Ánxel Rial (números 4 e 17 da lista do BNG, respectivamente) e a eurodeputada Ana Miranda.

“Cal é o legado que deixa o PP”, preguntouse Queixas, “despois de ter xestionado por volta de 167 millóns de euros desde 2009. O legado que deixa é, entre outros, o legado de regalos fiscais ás rendas máis altas, a apenas 7 mil persoas. Regalos que tiveron un custo de 34 millóns de euros para a Facenda autonómica. Imaxinádemos os servizos sociais que se poden prestar ás persoas máis vulnerábeis con 34 millóns de euros?”, inquiriu Queixas o auditorio congregado no Hotel Valcarce.

O Goberno do PP “suspende” a avaliación e, alén de máis, “non ten posibilidade de repetir” porque o 18 de febreiro “será relevado das súas funcións por unha maioría social que ten como referente o BNG de Ana Pontón”.

As enquisas favorecen a Ana Pontón

Esa maioría social reflíctena as sondaxes, quer as do CIS quer as de institutos privados, que coinciden en establecer que Ana Pontón é a candidata mellor valorada e “que inspira máis confianza que Rueda”.
Queixas puxo en destaque que a campaña do BNG é unha “campaña propositiva” e “centrada nos problemas das galegas e dos galegos”, en contraste cun PP que “no canto de falar de Galiza prefire falar de Puigdemont e Putin”.

Un plan de choque para rescatar a Atención Primaria (cun investimento de 200 millóns de euros), a restitución da gratuidade dos libros de texto e o incremento do financiamento ao Servizo de Atención ao Fogar serán as tres primeiras medidas que adoptará o novo Goberno galego de Ana Pontón. “Nós preocupámonos polos problemas e as necesidades das galegas e dos galegos. Rueda limítase a seguir o argumentario e as consignas da dereita reaccionaria e centralista que representa Ayuso”, concluíu.
Ana Miranda

Por súa parte, a eurodeputada do BNG Ana Miranda chamou a que 18F se produza unha “forte mobilización” de todas as persoas que queren cambio no País. “Se se producir unha participación histórica e se se concentrar o voto do cambio no BNG, abriremos unha nova época na Galiza, cun goberno presidido por unha muller nacionalista e feminista, presidido por Ana Pontón”.

“Só queda facer un último esforzo, renovando o traballo, compromiso e o entusiasmo que nos trouxeron até este momento: temos que ser a esperanza dos galegos e das galegas que queren cambio”, concluíu.

 

 

0.11035394668579