Memoria, talento feminino e foliada aberta danse cita no #BeFest2026

Bergondo celebrará este venres, 29 de maio, unha nova edición do #BeFest2026, un encontro comunitario que busca poñer en valor a memoria, a creatividade e a participación das mulleres do municipio. A cita desenvolverase a partir das 18.00 horas en A Senra e forma parte do programa municipal Bergondo en Feminino.
A xornada preséntase como unha celebración aberta á veciñanza, pensada para recoñecer o papel das mulleres que contribuíron á historia local e tamén das que hoxe seguen impulsando a vida cultural, social e comunitaria do concello. O acto principal estará conducido por Lidia Veiga e Bea García e combinará diferentes expresións artísticas, con música, teatro e poesía.
Un dos momentos destacados será a entrega dos Premios BeF, uns galardóns creados para visibilizar historias de Bergondo que merecen ser contadas e para reforzar a memoria colectiva do municipio. A proposta busca dar protagonismo ás voces locais e recoñecer traxectorias, experiencias e achegas que forman parte da identidade da comunidade.
Tras o acto central, a celebración continuará cunha foliada aberta na que poderá participar todo o público. A música correrá a cargo das Cantareiras da Revolteira e de Non fagas ruído, que animarán ás persoas asistentes a cantar, tocar, bailar e acompañar coas palmas. Para facilitar a participación, repartiranse letras impresas das cancións.
A programación completarase cunha degustación gastronómica de produtos locais da Reserva da Biosfera das Mariñas, elaborada e servida por A Artesa da Moza Crecha. A proposta engade así unha dimensión vinculada ao territorio, aos produtos de proximidade e á identidade gastronómica da zona.