Membros do BNG reuníronse cos traballadores de Ferroglobe de Arteixo para interesarse polo ERTE

O BNG reuniuse onte con representantes do comité de empresa de Ferroglobe, para interesarse polas negociacións do ERTE que quere pór en marcha a dirección da empresa, e para mostrar o seu apoio aos traballadores e traballadoras.
A planta de Ferroglobe en Arteixo é a única do estado que fabrica silicio mineral, un material estratéxico que se utiliza para fabricar elementos de moi alto valor engadido, con minerais procedentes de minas galegas do mesmo grupo.
A fábrica de Ferroglobe en Arteixo ten 113 traballadores e traballadores, e na actualidade o prezo do seu produto é moi alto en comparación co mineral que chega da China e de Angola, polo que demandan protección europea á súa produción local. Na actualidade, a fábrica de Ferroglobe en Arteixo non está a aproveitar toda a súa capacidade produtiva, e neste momento están a rematar as obras dunha nova planta de carbono vinculada a unha subvención do PERTE de descarbonización.
Os representantes do BNG que participaron do encontro (Carlos López, candidato do BNG á alcaldía de Arteixo, Xurxo Couto, portavoz municipal actual, e Iria Taibo, deputada nacionalista no Parlamento Galego) mostraron a súa preocupación pola reiteración de ERTEs que sufriu o cadro de persoal de Ferroglobe nos últimos anos, a pesar de recibir importantes contías en subvencións públicas.
O BNG procurará o apoio ao cadro de persoal de Ferroglobe no Pleno de Arteixo, para tentar que se acade un acordo unánime en relación coa continuidade da planta e nunhas condicións laborais xustas para os traballadores e traballadoras, e levará tamén este asunto ao Parlamento Galego, para procurar a implicación do goberno galego ao máis alto nivel.
A formación nacionalista considera que é imprescindíbel ligar todo tipo de axudas públicas ao mantemento de postos de traballo de calidade, ademais de que chaman á reflexión sobre a competencia do goberno galego en relación coas concesións mineiras que permiten extraer o material que nutre esta fábrica, que tamén deberían implicar condicións en relación coa finalización do produto no propio país.