Mellórase en Vilasantar a seguridade do conxunto etnográfico do Batán de Mezonzo
O Concello de Vilasantar puxo en marcha obras para mellorar a seguridade do conxunto etnográfico do Batán de Mezonzo, cunha achega de 30.065,49 euros financiada pola Xunta de Galicia. As actuacións inclúen a renovación do valado, a construción dun novo miradoiro e a substitución das cubertas de dous muíños tradicionais.
O miradoiro e a escaleira de acceso actuais, construídos de xeito rudimentario, presentan un importante desgaste. Por isto, estase a construír un novo miradoiro de 1,20 metros de ancho e 1,80 metros de longo, con madeira de piñeiro tratada para soportar o contacto permanente coa auga. A estrutura asentarase sobre un bolo rochoso e estará rodeada dun valado antiescalada.
Tamén se está renovando o valado de acceso ao miradoiro, substituíndo a antiga cerca de pólas e varas por unha estrutura de madeira fixada con zapatas de formigón. A intervención abrangue 118 metros lineais, empregando postes de madeira verticais e horizontais para asegurar estabilidade e durabilidade.
As cubertas dos dous muíños, de 6 x 4 metros, serán substituídas por tellados de madeira e tella con capa asfáltica para evitar filtracións e reducir o mantemento. Todas as melloras inclúen un prazo de garantía de doce meses, e tramitáronse os permisos de intervención na ribeira do río das Gándaras ante Augas de Galicia.
A través dun convenio de uso público, o Concello de Vilasantar comprométese ao mantemento desta área, que alberga un dos principais atractivos turísticos da zona: a ruta dos muíños do río das Gándaras.