Melloras nos viais de O Castrillón para reforzar a mobilidade rural

ACoruñaXa
O Concello de Coirós iniciará de maneira inminente unha actuación integral financiada pola Xunta con 48.600 euros a través do Plan de Infraestruturas Rurais
COIRÓS castrillón
29 Apr 2026

O Concello de Coirós anunciou o inicio inminente das obras de mellora dos viais no lugar de O Castrillón, unha actuación que permitirá acondicionar a rede viaria local e reforzar a seguridade nos desprazamentos da veciñanza.

O proxecto conta cun investimento de 48.600 euros, financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Infraestruturas Rurais. A intervención inclúe a renovación do firme, a mellora da drenaxe, a sinalización e o acondicionamento das marxes das vías.

A actuación terá especial importancia para facilitar os accesos ás vivendas e ás explotacións agrícolas da zona, nun núcleo no que os camiños rurais son fundamentais tanto para a mobilidade diaria como para a actividade agrogandeira.

O alcalde, Francisco Quintela, destacou que estes traballos responden á vontade do Goberno local de seguir mellorando a rede viaria en todos os núcleos do municipio. Segundo sinalou, trátase de actuacións necesarias para 'facilitar a vida no rural e garantir a seguridade das persoas'.

As obras en O Castrillón súmanse ás intervencións executadas nos últimos anos noutros puntos de Coirós. O Concello defende que este tipo de investimentos son clave para modernizar as infraestruturas rurais, mellorar a calidade de vida da veciñanza e manter en boas condicións os accesos aos lugares do municipio.

0.10788583755493