Medio millón de euros para humanizar e mellorar a accesibilidade da vía da praia de Gandarío

Máis de medio millón de euros destinaranse á humanización e mellora da seguridade viaria e a accesibilidade na vía da praia de Gandarío. O proxecto, cun orzamento de 514.998,87 euros, acaba de saír a licitación e está cofinanciado a través do Plan Único da Deputación da Coruña e fondos municipais.
A actuación contempla a substitución do actual itinerario peonil de madeira, de 1,90 metros de ancho, por un novo paseo de baldosa hidráulica de 3,50 metros, unha solución que permitirá ampliar o espazo para os peóns e reducir os elevados custos de conservación do actual pavimento.
A nova beirarrúa contará cun bordo remontable de granito para facilitar o acceso. Tamén se pavimentará a calzada, que terá 3 metros de ancho e dirección única cara ao leste, 5,80 metros cara ao oeste e dobre dirección ata a entrada do cámping.
O proxecto inclúe ademais medidas para mellorar a seguridade na zona do piñeiral. En concreto, crearase unha banda de herba dun metro de ancho para protexer do tráfico ás persoas usuarias das mesas situadas neste espazo.
Tamén se ordenarán os extremos do paseo mediante a pavimentación dos sobreanchos con adoquín de granito e crearanse novas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, situadas en puntos adecuados para facilitar o uso e goce da praia.
A intervención contempla así mesmo a renovación de diferentes equipamentos e servizos da contorna. Así, ocultaranse os contedores de residuos e renovaranse a caseta de salvamento, os baños, as duchas, os lavapés, os paneis informativos e o resto do mobiliario urbano.
O Concello de Bergondo acaba de publicar no perfil do contratante a licitación deste proxecto, que permitirá renovar o itinerario peonil e mellorar as condicións de accesibilidade, seguridade e uso deste espazo da praia de Gandarío.