Medio millón de euros para facer máis seguros os desprazamentos a pé en Vixoi e Pisón

O Concello de Bergondo vén de completar dúas actuacións destinadas a mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil na parroquia de Vixoi. Os traballos centráronse na estrada que comunica os núcleos de Miodelo e San Fiz ata a súa conexión coa vía provincial DP-0801, así como no núcleo de Pisón, e supuxeron un investimento global superior ao medio millón de euros.
A intervención de maior envergadura foi a executada entre Miodelo e San Fiz, cun orzamento próximo aos 470.000 euros e cofinanciada a través do Plan Único da Deputación da Coruña. O proxecto permitiu acondicionar de forma integral as marxes da estrada e crear un itinerario máis seguro para as persoas que se desprazan a pé por unha zona de uso habitual na mobilidade diaria do municipio.
O obxectivo principal era afastar aos peóns do tráfico rodado e reducir os riscos nun tramo especialmente sensible. Para iso, habilitáronse espazos de paso máis seguros, reforzouse a sinalización viaria e incorporáronse solucións pensadas para mellorar a convivencia entre vehículos e viandantes.
As obras incluíron tamén a renovación da rede de recollida de augas pluviais. A nova canalización soterrada substitúe ás antigas cunetas de terra, o que permite optimizar a drenaxe da estrada e, ao mesmo tempo, gañar espazo útil para a plataforma transitable. Esta mellora resulta especialmente importante en períodos de choiva, cando a acumulación de auga pode afectar tanto á seguridade como ao estado da calzada.
O proxecto completouse coa reposición xeral de pavimentos e coa mellora dos accesos ás propiedades situadas nas marxes da estrada. Ademais, instaláronse zonas con pavimento de formigón e lastro en puntos estratéxicos do percorrido. Este cambio de textura na calzada ten como finalidade favorecer a redución da velocidade dos vehículos ao atravesar a contorna.
En paralelo, o Concello tamén executou un novo paso seguro no núcleo de Pisón, cun investimento de 42.960 euros. Neste caso, a actuación permitiu mellorar a rede de pluviais e corrixir os problemas de escorrentía que se rexistraban na plataforma, especialmente durante as épocas de máis precipitacións.
Para resolver esta situación, construíuse un colector principal ao que se conectaron os elementos de drenaxe mediante arquetas. Con esta intervención, o goberno local busca dar resposta a unha demanda vinculada tanto á seguridade viaria como ao mantemento das infraestruturas municipais.
Con estas obras, Bergondo reforza a súa aposta por unha mobilidade máis segura nos núcleos rurais, prestando especial atención aos desprazamentos a pé e á mellora dos servizos básicos asociados ás estradas locais.