Martín Romero gaña o III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego con 'Diarios'

GaliciaXa | ACoruñaXa
O certame recibiu 35 obras válidas e entregará os galardóns o 14 de agosto no Circo de Artesáns, coincidindo coa edición de verán do Festival Autobán
martin-romero
23 Jul 2026

A Asociación Cultural Autobán deu a coñecer o fallo do III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026, convocado co apoio do Concello da Coruña. O ilustrador e autor de banda deseñada Martín Romero foi distinguido co premio principal pola súa obra Diarios, que recibirá unha dotación económica de 1.250 euros e un trofeo elaborado artesanalmente pola artista Julia Abalde, gañadora da edición anterior.

O xurado, integrado por Julia Abalde Herrero, David Fernández Fernández e Helena Rodríguez Blanco, decidiu conceder ademais un accésit, dotado con 350 euros e diploma, á autora Silver Andree, pseudónimo de Adriana Soriano, polo fanzine Antología de un recuerdo.

Nesta terceira edición presentáronse un total de 45 proxectos, dos que 35 cumpriron as bases do concurso e foron admitidos. Ademais das dúas obras premiadas, o xurado seleccionou como finalistas O Campo de Concentración de Lavacolla, do Colective Pipueca, Mi nick ya no era húmeda, de Gemmi Pérez Feijoó (Muller6ollos), Moon Junction, de Anabel Colazo, e O verán que nunca existiu, de Clara Artiaga.

A entrega dos premios celebrarase o venres 14 de agosto no Circo de Artesáns da Coruña, dentro da programación da edición de verán de 2026 do Festival de autoedición e banda deseñada Autobán. As 35 obras admitidas ao concurso tamén poderán consultarse na mostra ExpoFanzines Autobán, que formará parte da programación de Viñetas desde o Atlántico 2026 e permanecerá aberta entre o 10 de agosto e o 27 de setembro na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.

O certame está dirixido a autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026. Cada participante podía presentar un máximo de tres obras, sempre que o autor ou a maioría dos integrantes do colectivo fosen de orixe galega ou residisen en Galicia. As bases permitían liberdade total en canto á temática, técnica, formato e deseño.

Martín Romero (Boiro, 1981) desenvolve a súa carreira como ilustrador, autor de cómics e director de animación. Ao longo da súa traxectoria colaborou con medios e publicacións internacionais e realizou traballos para clientes como El País, Seat ou Abanca. As súas novelas gráficas Las fabulosas crónicas del ratón taciturno, Episodios Lunares e La deuda foron publicadas tanto en España como en Francia.

Na actualidade continúa coa serie infantil Uxío, da que xa viron a luz dous volumes, e tamén desenvolveu unha destacada carreira no ámbito audiovisual. Entre os seus traballos figura a curtametraxe La noche (2017) e To Bird Or Not To Bird (2023), recoñecida co Premio Goya á Mellor Curtametraxe de Animación.

O Premio Autobán celebrou a súa primeira edición en 2024, cando Luis Yang foi recoñecido por Sunny 16, mentres que Julia Abalde obtivo o galardón na segunda edición, en 2025, coa obra La ilusión.

A Asociación Cultural Autobán impulsa este premio como parte do seu labor de promoción da banda deseñada, a ilustración e a autoedición en Galicia. Ademais da organización anual do Festival Autobán, que este ano celebrará a súa duodécima edición na Coruña, a entidade desenvolve outras iniciativas como o encontro de primavera Autobom e un Club de Debuxo de carácter mensual, co obxectivo de apoiar e dar visibilidade á creación gráfica independente.

0.12394595146179