Mariñas Coruñesas leva a Fitur o eclipse solar, a súa nova base náutica e a sustentabilidade como bandeiras do ecoturismo

ACoruñaXa
A Reserva inaugura na primavera unha Base de Actividades Ecoturísticas en Betanzos, lanza a campaña 'O noso corazón verde' e destaca un crecemento do 13% en visitantes
MARIÑAS CORUÑESAS fitur
24 Jan 2026

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas presentouse en Fitur cunha folla de ruta centrada en consolidar o seu posicionamento como primeiro destino de Galicia certificado no Club de Ecoturismo de España. A entidade reforza así unha proposta baseada na calidade, na desestacionalización e no respecto polo medio ambiente, co obxectivo de medrar sen perder identidade.

O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, cualificou 2026 como un ano “especialmente importante” no que se prevé consolidar proxectos, activar novas liñas de traballo e gañar visibilidade fóra do territorio. Entre os fitos, avanzou o impulso do ecoturismo náutico e as iniciativas ligadas á condición de Destino Turístico Starlight.

Un dos anuncios principais foi a inauguración, na primavera, da primeira Base de Actividades Ecoturísticas da Reserva, un complexo que se localizará en Betanzos, á beira do río Mandeo. A infraestrutura nace coa vocación de ser un punto de referencia para o desenvolvemento ordenado de actividades ecoturísticas, especialmente as vinculadas ao medio natural e ao ámbito náutico, compatibilizando o uso público do litoral coa conservación do entorno. O espazo estará orientado tamén á educación ambiental, á sensibilización e á investigación, ademais do goce responsable do patrimonio por parte da cidadanía e das persoas visitantes. Santiso subliñou que esta dotación supón un paso decisivo dentro do modelo de destino e da estratexia do Plan de Sostibilidade Turística.

A Reserva puxo igualmente o foco no gran fenómeno astronómico do ano, o eclipse solar total, co que Mariñas Coruñesas busca posicionarse como un dos mellores lugares de España para a súa observación. O programa incluirá obradoiros e xornadas divulgativas, menús starlight na restauración do territorio e novas experiencias ecoturísticas deseñadas especificamente para seguir o ceo nocturno. As actividades desenvolveranse nos meses previos e tamén haberá unha cobertura especial o propio día do eclipse.

No ámbito ambiental, Santiso salientou a Bolsa de Proxectos de Compensación da Pegada de Carbono, unha ferramenta de xestión pioneira que permite a administracións, empresas e particulares investir en actuacións de mellora paisaxística e medioambiental, reforzando o ecoturismo como motor de rexeneración natural. “Queremos seguir demostrando que outro turismo é posible”, resumiu.

Durante a presentación tamén se deu a coñecer a nova campaña promocional 'O noso corazón verde', centrada en dar visibilidade ás 114 empresas da Marca de Calidade e ás experiencias de ecoturismo xa certificadas. A iniciativa pon o acento nos meses non estivais para fomentar a desestacionalización e trasladar que o patrimonio natural e cultural de As Mariñas é un recurso vivo os 365 días do ano. Segundo se expuxo, a campaña toma como protagonistas ás persoas e familias que integran esas empresas, como símbolo dunha identidade ligada ao coidado do territorio.

O acto contou ademais coa intervención do director xeral de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, que cualificou Mariñas Coruñesas de “exemplo” na combinación de turismo e sustentabilidade e destacou que é o segundo xeodestino galego que máis medra, cun 13% máis de visitantes. Segundo apuntou, o incremento é especialmente relevante no turismo internacional e reforza a importancia de manter esta identidade como reserva a poucos quilómetros dunha gran cidade.

⚙ Configurar cookies
0.081403017044067