María Pita converterase este domingo nun punto de encontro para o deporte inclusivo

A praza de María Pita acollerá este domingo, 26 de abril, a saída da XXXI Carreira Alternativa, unha cita xa consolidada na Coruña polo seu carácter participativo, aberto e inclusivo.
A proba, organizada pola Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE) co apoio do Concello da Coruña e da Deputación, comezará ás 11.00 horas. As persoas participantes poderán completar un percorrido de 6 quilómetros andando, correndo, en bicicleta ou en patíns, co obxectivo de facilitar a participación de públicos diversos e promover o acceso igualitario ao deporte.
A saída contará coa presenza de Fernando Romay e do equipo Dépor Genuine, nunha xornada que busca poñer en valor o dereito de todas as persoas a practicar deporte e compartir unha experiencia común. Ao remate da carreira haberá tamén actividades complementarias e un sorteo de agasallos entre as persoas inscritas.
Desde a súa creación en 1996, a Carreira Alternativa reuniu preto de 40.000 participantes e converteuse nunha referencia do deporte inclusivo na cidade. A súa filosofía mantense ligada á participación sen barreiras, á convivencia e á promoción de hábitos saudables.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que iniciativas coma esta amosan 'o valor do deporte como espazo de encontro e convivencia, no que todas as persoas poden participar e compartir unha experiencia común'.