María Barral pon en valor os investimentos e programas municipais de 2025 centrados nas persoas

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, presidiu a recepción oficial ás entidades do municipio no tradicional brinde de Nadal, un encontro no que participaron colectivos veciñais, sociais, educativos, deportivos, culturais, comerciais, empresariais e institucións con representación na cidade. Durante o acto, a rexedora realizou un balance do ano 2025 e agradeceu o labor do tecido asociativo, ao que definiu como ‘o verdadeiro motor desta cidade, a forza que a move, a coida e a fai avanzar cada día’.
Na súa intervención, Barral destacou que 2025 foi un ano marcado por políticas municipais nas que ‘as persoas foron o centro e a principal preocupación deste goberno’. Subliñou o intenso traballo realizado tanto no ámbito urbano como no rural, facendo especial fincapé nas actuacións desenvolvidas nas parroquias, con obras de pavimentación de viais e melloras nos accesos, na seguridade e na mobilidade. Segundo indicou, estas intervencións responden á necesidade de manter viva a contorna rural e de dar resposta a demandas históricas da veciñanza.
No casco urbano, a alcaldesa puxo en valor a recuperación de rúas e prazas como espazos de convivencia, actividade económica e identidade colectiva. Tamén lembrou o avance na mellora dos parques infantís, coa renovación de varios deles e o impulso de novos proxectos, co obxectivo de construír unha cidade máis verde, amable e pensada para a infancia e as familias.
O casco histórico ocupou tamén un lugar destacado no balance anual. Barral salientou a aposta pola recuperación do patrimonio, con exemplos como a rehabilitación do mercado municipal ou a recuperación do antigo edificio da Policía Local para novos usos públicos, así como a construción de dous novos parques nesta zona para dinamizala e facela máis viva.
A alcaldesa incidiu en que este traballo se completa cun esforzo constante no mantemento, a limpeza e o ornato público, actuacións cotiás que contribúen a que Betanzos sexa unha cidade máis coidada e respectuosa coa súa veciñanza.
No eido social, María Barral remarcou a aposta firme do goberno local por reforzar os programas sociais, ampliar recursos e apoiar ás entidades que traballan coas persoas que máis o precisan. Ademais, destacou a importancia de seguir mellorando os equipamentos públicos como garantía de igualdade, cohesión social e calidade de vida.
A rexedora asegurou que o Concello seguirá reclamando os fondos necesarios para proxectos estratéxicos como o Pasatempo, os centros educativos, o centro de día ou os equipamentos deportivos, defendendo os intereses das betanceiras e dos betanceiros como unha obriga irrenunciable.
Por último, reafirmou o seu compromiso cunha alcaldía de portas abertas, baseada na escoita, no diálogo e na colaboración coas entidades. Barral concluíu lembrando que 2025 foi un ano especial, no que se celebrou o 150 aniversario do Globo de San Roque, e avanzou un 2026 cheo de ilusión coa conmemoración do 50 aniversario da recuperación das danzas de labradores e mariñeiros, símbolos das raíces, da cultura e do orgullo betanceiro.