Mar de Mares abre unha nova edición coa mirada de Xurxo Lobato ao océano

O Festival Mar de Mares arrincou na Coruña coa apertura da exposición fotográfica 'O mar que nos habita', de Xurxo Lobato, unha mostra coa que se abre a XIII edición dunha cita que este ano se celebra do 4 ao 18 de xuño baixo o lema 'Cultura que nace do océano'. A programación reúne máis de 20 actividades gratuítas arredor da relación da cidade co mar.
A inauguración tivo lugar na rúa Montoto e contou coa participación da deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e da concelleira de Medio Ambiente da Coruña e deputada provincial de Educación e Mocidade, Yoya Neira.
A mostra de Xurxo Lobato reúne 18 fotografías que propoñen unha viaxe visual pola costa galega e pola relación entre as persoas e o mar. A través das imaxes, o autor achega ao público historias ligadas á identidade litoral de Galicia, pero tamén á fraxilidade dos ecosistemas mariños e á necesidade de protexelos.
Durante a inauguración, o propio fotógrafo realizou unha visita comentada pola exposición, explicando o contexto e o significado das imaxes. O acto coincidiu co Día Mundial do Medio Ambiente, unha data que serviu para reforzar a mensaxe central do festival: mirar ao océano como parte esencial da cultura, da economía, da paisaxe e da vida da provincia.
Organizado pola Asociación Redes de Sal, Mar de Mares consolidouse como unha das citas de referencia na divulgación e defensa do medio mariño. A súa programación combina arte, ciencia, activismo ambiental, turismo azul, gastronomía, mercado e espazos de reflexión sobre a cultura mariñeira e a protección dos océanos.
Entre as propostas desta edición figuran o Mercado Mar de Mares no Parrote, actividades de divulgación científica, visitas vinculadas ao patrimonio portuario, encontros sobre cultura oceánica, iniciativas de turismo azul e accións ambientais como a VII Gran Limpeza de Fondos Mariños.
A Deputación da Coruña apoia o festival dentro das súas liñas de traballo vinculadas á divulgación ambiental, á sensibilización cidadá e á defensa do patrimonio natural. Rosa Ana García lembrou que a provincia conta con 956 quilómetros de costa e subliñou que esa riqueza implica tamén unha responsabilidade na protección dos ecosistemas e na redución da presión sobre o litoral.
Yoya Neira destacou pola súa banda a consolidación do festival e felicitou á Asociación Redes de Sal por unha programación que busca achegar o coidado do mar a públicos diversos a través de propostas culturais, lúdicas e divulgativas.