Manuel Fafián renuncia á súa acta de concelleiro do PP en Bergondo por motivos persoais

ACoruñaXa
O ata o de agora voceiro local deixa o cargo e a dirección provincial agradece a súa dedicación ao partido durante todos estes anos; Bruno Miramontes asumirá o novo liderado
BERGONDO pp
Manuel Fafián e Bruno Miramontes
20 Nov 2026

Manuel Fafián, ata o de agora voceiro local do Partido Popular en Bergondo, comunicou este venres a súa renuncia á acta de concelleiro por motivos persoais. A dirección provincial do PP da Coruña agradeceu a súa traxectoria e dedicación ao proxecto político no municipio durante todos estes anos.

O presidente provincial, Diego Calvo, e o secretario xeral, Evaristo Ben, destacaron o traballo desenvolvido por Fafián, a súa dispoñibilidade, responsabilidade e vontade de defender os intereses de Bergondo e dos seus veciños.

Desde a dirección provincial subliñaron que desempeñou a súa labor 'con lealdade, esforzo e vocación de servizo público', contribuíndo a manter vivo e fortalecer o proxecto popular no municipio.

Os populares tamén destacaron os anos de traballo, reunións, iniciativas e dedicación que implica esta responsabilidade, así como o compromiso persoal de Fafián, ao que trasladaron o seu recoñecemento e gratitude.

Bruno Miramontes, novo candidato

A dirección provincial agradeceu tamén a xenerosidade e responsabilidade demostradas por Fafián á hora de facilitar esta nova etapa, así como a súa disposición para garantir unha transición ordenada e o apoio trasladado ao novo candidato, Bruno Miramontes.

O PP da Coruña expresou o seu respaldo e confianza en Miramontes e asegurou que poderá contar coa experiencia, colaboración e traballo de quen contribuíu durante estes anos a construír o proxecto popular en Bergondo.

A formación afronta esta nova etapa desde a unidade e a vontade de seguir traballando para ofrecer aos veciños unha alternativa política.

0.16277813911438