Máis dun quilómetro de nova senda conectará Arteixo e Lañas cun investimento de 868.000 euros

ACoruñaXa
A Xunta inicia as obras dun itinerario peonil e ciclista que mellorará a mobilidade, incorporará novo alumeado e renovará unha parada de autobús
ARTEIXO obras lañas
6 Aug 2026

Os traballos para construír a nova senda que unirá o núcleo urbano de Arteixo coa parroquia de Lañas xa están en marcha. A actuación, impulsada pola Xunta de Galicia, suporá un investimento de 868.000 euros e permitirá crear un itinerario de uso compartido para peóns e ciclistas ao longo de máis dun quilómetro da estrada AC-552.

A nova infraestrutura terá unha anchura de 2,5 metros e enlazará coas beirarrúas xa existentes, dando continuidade ao corredor peonil e ciclista metropolitano da contorna de Arteixo. O obxectivo é facilitar desprazamentos máis seguros e fomentar alternativas sostibles ao uso do vehículo privado.

O proxecto non se limita á construción da senda. As obras inclúen tamén a creación dunha franxa axardinada que separará o itinerario da circulación rodada, a mellora dunha parada de autobús e a instalación dun novo sistema de iluminación pública para incrementar a seguridade dos usuarios.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este xoves o inicio das obras e destacou que esta actuación forma parte da aposta da Xunta por ampliar a rede de sendas nas estradas autonómicas, favorecendo unha mobilidade máis segura e contribuíndo á mellora da contorna urbana.

Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses e están cofinanciados con fondos FEDER 2021-2027, polo que a previsión é que a senda poida entrar en funcionamento ao longo de 2027.

Esta intervención súmase a outras actuacións executadas anteriormente na AC-552, como a construción de sendas entre Pastoriza e Vilarrodís, os reforzos do firme, a ampliación da calzada e distintas melloras nas paradas de autobús e na seguridade viaria.

0.118812084198