Máis dun millón de euros para contratar a electricidade do alumeado público e os edificios municipais de Ordes

O Concello de Ordes vén de abrir a licitación para contratar o subministro eléctrico do sistema de iluminación pública e das instalacións e edificios municipais. O contrato ten un valor estimado de 1.106.583,42 euros e un orzamento base sen impostos de 335.328,31 euros, cun prazo de execución dun ano contado desde o día seguinte á sinatura do acordo (ou desde a conclusión do cambio de comercializadora).
O proceso tramitarase mediante procedemento aberto e a adxudicación decidirase unicamente polo prezo, conforme ao previsto na Lei de Contratos do Sector Público. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas por vía telemática ata o 6 de abril.
Segundo o Concello, o obxectivo é garantir a calidade da subministración e mellorar a eficacia, a eficiencia e a rendibilidade económica dun servizo que abrangue tanto o alumeado público como as dependencias municipais. A empresa que resulte adxudicataria asumirá a responsabilidade do servizo en ambos ámbitos. Ademais, o consistorio lembra que a normativa vixente obriga a contratar no mercado libre as subministracións enerxéticas superiores a 10 kW.
A licitación chega nun contexto no que o municipio vén reclamando solucións ante episodios de cortes e incidencias na subministración eléctrica rexistradas nas últimas semanas, unha situación pola que o Concello pediu explicacións técnicas e melloras na rede.