Máis de medio milleiro de persoas desfrutan da II Festa da Familia en Bergondo

ACoruñaXa
O Concello celebrou este sábado unha xornada de convivencia nas pistas polideportivas de Lubre que incluíu unha comida popular, teatro e actuacións musicais
BERGONDO festa familia (2)
18 Jul 2026

O Concello de Bergondo celebrou hoxe, sábado 18 de xullo, a segunda edición da 'Festa da Familia', un evento que consolida o seu éxito de participación enmarcado dentro das actividades estivais. Nesta ocasión, algo máis de 500 persoas déronse cita nas pistas polideportivas de Lubre para desfrutar dunha completa xornada festiva deseñada para estreitar lazos entre os veciños e ofrecer alternativas de lecer para todas as idades. O goberno local destacou que a área recreativa de Lubre é o lugar idóneo para acoller esta romaría grazas a que dispón de zona cuberta, parque infantil, grellas e aseos.

A programación centrase nunha multitude de propostas que arrancaron ás 11:00 horas. Un dos momentos principais do día foi a comida popular, na que os asistentes puideron levar as súas propias viandas de casa ou ben degustar as racións dos postos de polbo e churrasco habilitados para a ocasión. De forma paralela, durante a mañá e a tarde desenvolvéronse de xeito ininterrompido diversos obradoiros, xogos tradicionais e espectáculos de teatro de monicreques destinados aos máis pequenos da casa.

O broche de ouro e fin de festa estivo protagonizado por unha actuación musical en directo e unha divertida festa da escuma combinada con pos Holi, que encheu de cor o recinto. Desde o Concello valoraron moi positivamente o ambiente acadado e agradeceron a gran resposta do tecido veciñal nesta cita que xa busca converterse nun referente interxeracional imprescindible dentro do calendario estival de Bergondo.

0.12581205368042