Máis de 900 persoas retiraron 13 toneladas de lixo no marco da XIX Limpeza Simultánea de Ríos de Adega

Un ano máis, ADEGA e O Proxecto Ríos conseguen mobilizar centos de persoas para mollarse polos ríos ao longo de toda a xeografía galega no marco da XIX Limpeza Simultánea de Ríos, que tivo lugar esta pasada fin de semana, 3 e 4 de outubro. Grandes grupos e outros máis cativos, rapazada nova e persoas máis maiores, xuntáronse nunha das grandes xornadas de voluntariado ambiental do país cun mesmo obxectivo: coidar dos nosos ríos e concienciar a sociedade da necesidade de facer unha xestión sostible do lixo para que a nosa natureza estea ben conservada.
A XIX Limpeza Simultánea de Ríos desenvolveuse ao longo de 51 concellos de toda Galiza, coordinada pola organización ecoloxista ADEGA e organizada por unha rede de entidades, asociacións, fundacións, centros de ensino... que se uniron á limpeza e reuniron voluntariado para limpar os ríos do seu ámbito xeográfico. Foron, en total, 77 as entidades involucradas nesta limpeza simultánea, que xuntou 933 persoas e na que se recolleron máis de 13 toneladas de lixo.
Moitas das entidades participantes son asiduas nesta convocatoria anual, pero outras moitas apadriñaron ríos por primeira vez neste 2026, o que evidencia o éxito das actividades de voluntariado ambiental, a medrar ano tras ano.
Ao longo das 19 edicións da Limpeza Simultánea de Ríos, ADEGA e Proxecto Ríos puideron observar unha pequena diminución de lixo nos treitos dos ríos nos que se actuou, pero este ano algúns grupos atoparon gran cantidade de refugallos en vertedoiros incontrolados.
O voluntariado deu con residuos moi variados e, coma sempre, abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Tamén apareceron pneumáticos, vidro, cristais e latas, pilas, restos de madeira e mobles, ferralla, electrodomésticos, fluorescentes, xiringas, entullos, uralitas, roupa, calzado, colchóns, etc.
As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron xurdir en abundancia. A organización ADEGA fai un chamamento a reflexionar como sociedade sobre o uso destes materiais e, sobre todo, sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles. Tiralos polo retrete só fará que rematen nos nosos ríos e contaminen os cauces e ribeiras.
No reconto final, ADEGA calcula que os residuos recollidos nos 51 concellos de actuación suman máis de 13 toneladas de lixo, a falta dalgún dato que aínda queda por recadar e algunha limpeza que tivo que adiarse.
Con todo, a organización lembra que o principal obxectivo dunha xornada coma esta é axudar a concienciar a sociedade sobre a importancia dunha boa xestión dos nosos residuos. Ademais, ADEGA insiste en que voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, e demanda que a situación en que se atopan os ríos mude. Proximamente, ADEGA publicará na web do Proxecto Ríos un informe coas conclusións finais desta actividade.
Por último, ADEGA expresa o seu fondo agradecemento a todo o voluntariado galego polo seu compromiso cos nosos ríos. As máis de 900 persoas mobilizadas en 65 treitos de río demostran que a sociedade galega se molla polos ríos.
Para esta actividade, ADEGA e Proxecto Ríos contaron coa colaboración dos concellos da Estrada, Allariz, Ames, Ares, Fene, Meis, Moaña, Nigrán, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela e Tomiño. A XIX Limpeza Simultánea de Ríos é unha actuación financiada pola Deputación da Coruña e Confederación Hidrográfica Miño Sil.