Máis de 850 maiores de Ordes reuniranse este sábado nunha gran xornada de homenaxe

Máis de 850 persoas teñen confirmada a súa asistencia á tradicional xuntanza de maiores de Ordes, que se celebrará este sábado, 5 de setembro, nunha xornada dedicada ao encontro e á homenaxe ás persoas maiores do municipio.
O programa comezará ás 13.00 horas cunha misa solemne no anexo cuberto do CEIP Castelao. Posteriormente, ás 14.30 horas, o pavillón Castelao II transformarase nun gran comedor para acoller o xantar popular.
O menú abrirase con empanada e continuará cun primeiro prato de polbo á feira e un segundo de xarrete asado con patacas e gornición. Os produtos estarán amparados polas denominacións Ternera Gallega e Pataca de Galicia.
Para rematar, os asistentes poderán escoller entre diferentes sobremesas, como larpeira, xeado, torta ou queixo con marmelo. O xantar estará acompañado de viño branco e tinto con denominación de orixe, ademais de auga, refrescos, café, infusións e licores.
As persoas que teñan algunha intolerancia ou alerxia alimentaria dispoñerán de menús alternativos.
Música durante toda a xornada
A celebración contará tamén coa actuación dun grupo musical, que será o encargado de poñer ambiente tanto durante a sesión vermú como ao longo da sobremesa.
A xuntanza está especialmente dirixida ás persoas de 60 anos ou máis empadroadas en Ordes, así como aos pensionistas de calquera idade. Tamén poden participar maiores de 60 anos ou pensionistas que, aínda que non estean empadroados actualmente no municipio, nacesen en Ordes.
A convocatoria inclúe igualmente os seus cónxuxes e parellas, ampliando así o carácter aberto dunha celebración que busca reunir a diferentes xeracións vinculadas ao municipio.
Entre os asistentes estarán o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños, así como membros do Goberno local, encabezado polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, e representantes das distintas forzas políticas da corporación municipal.
Desde o Concello lembran que será necesario acudir co DNI e co resgardo de inscrición para poder acceder ao recinto e participar na celebración.