Máis de 84.000 euros para preparar Gandarío e a Praia Grande de Miño de cara ao verán

O Goberno do Estado investirá máis de 84.000 euros en actuacións de conservación e mantemento nas praias de Gandarío, en Bergondo, e Grande de Miño, co obxectivo de que ambos areais cheguen á tempada estival en mellores condicións de uso e seguridade.
Os traballos comezaron xa en Gandarío, onde a Demarcación de Costas de Galicia destina 23.979,95 euros á reparación da rampa de acceso ao mar situada na zona oriental da praia. Nese punto producíronse desprendementos de pedras que afectaban á infraestrutura.
A intervención inclúe tamén a redistribución de area desde outras zonas do propio areal para reforzar un dos extremos máis expostos á erosión. Con esta medida preténdese estabilizar o perfil da praia, reducir o risco de danos no paseo marítimo próximo e conservar superficie suficiente para o uso recreativo durante os meses de maior afluencia.
Na Praia Grande de Miño, as obras comezarán o martes 16 de xuño cun investimento superior aos 60.000 euros. A actuación prevé trasladar arredor de 2.500 metros cúbicos de area desde a desembocadura do río Baxoi ata o extremo sur da praia.
Esta parte do areal presenta unha maior vulnerabilidade fronte á erosión e xa sufriu danos en temporais anteriores. O movemento de area permitirá aumentar a reserva de áridos, frear o retroceso da praia e ampliar a zona seca máis próxima ao núcleo urbano.
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, supervisou o inicio dos traballos en Gandarío xunto á alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, e ao responsable da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil.
Abalde destacou que estas actuacións forman parte das tarefas de conservación do dominio público marítimo-terrestre e buscan combinar a preparación dos areais para o verán coa protección do litoral fronte aos efectos dos temporais e da erosión.