Máis de 630 voces encheron o Coliseum no Chorus 2026, un concerto colectivo pola paz desde A Coruña

O Coliseum da Coruña acolleu esta tarde o Chorus 2026 (Concerto pola Paz), unha gran convocatoria coral e solidaria promovida polo Concello da Coruña que reuniu máis de 630 voces entre alumnado, profesorado, músicos e artistas convidados. A actuación serviu como mostra final do traballo realizado nos últimos meses nos centros educativos da cidade, nunha proposta que sitúa a música como ferramenta de aprendizaxe e de educación en valores.
A alcaldesa, Inés Rey, subliñou durante a súa intervención que o vivido no Coliseum foi ‘moito máis ca un concerto’, ao entender que Chorus pretende formar parte da identidade dunha cidade que impulsa desde a educación unha mensaxe de paz. A rexedora puxo o foco no papel do alumnado, ao que definiu como eixo central do proxecto: as voces das nenas, nenos e mocidade como símbolo de presente e, sobre todo, de futuro.
Rey destacou tamén o valor pedagóxico do canto coral, ao favorecer hábitos como a escoita, a cooperación e a idea de que cada achega individual é imprescindible para construír un resultado común. Sobre o escenario, o concerto reuniu formacións de primeiro nivel como a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Orquestra Xove, que protagonizaron a súa primeira colaboración pública conxunta nun proxecto educativo destas características. Xunto a elas participaron o Coro Xove da OSG, o Coro Infantil do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, o Coro MiniGaos, o Coro Gaos Novo e o Coro Gaos.
Ao apartado coral e orquestral sumáronse artistas convidados como Rosa Cedrón, Carolina Rubirosa, Gandy, Carlos Tojeiro, Eva B e Tinho, cuxa presenza foi presentada como un apoio ao esforzo do alumnado e ao sentido simbólico dun concerto que quere proxectar unha mensaxe de paz desde A Coruña.
O repertorio combinou pezas populares do cinema e da música contemporánea, con cancións de películas de Disney, temas do musical 'The Greatest Showman' e versións de artistas internacionais como Michael Jackson, Lionel Richie ou Coldplay, nun programa deseñado para conectar con públicos de distintas idades.
A cita incorporou, ademais, un compoñente solidario coa recollida de material escolar ás portas do Coliseum para a 'Escola Coruña' de Senegal, unha iniciativa coordinada por Ecodesenvolvemento Gaia. A alcaldesa agradeceu tamén o traballo das áreas municipais implicadas, en especial o da Concellería de Educación, e recoñeceu o apoio de entidades e empresas colaboradoras.