Máis de 60 actividades enchen Castelo de cultura, música e tradición durante toda a semana

ACoruñaXa
Castelo Conta regresa a Culleredo cunha programación para todos os públicos na que o humor, a gastronomía, a música e a tradición oral comparten protagonismo
CULLEREDO castelo conta
24 Aug 2026

A parroquia de Castelo, en Culleredo, acollerá durante toda esta semana unha nova edición de Castelo Conta, un festival que reúne máis de 60 actividades e que combina cultura, humor, música, gastronomía e tradición oral. A programación comeza este luns e prolongarase ata o domingo 30 de agosto, con propostas dirixidas tanto ao público infantil como adulto.

A ampla programación xa conta con algunhas actividades coas prazas esgotadas, entre elas o espazo infantil e a gala de humor prevista para o sábado.

Actividades para os máis pequenos

De luns a venres, entre as 10.00 e as 14.00 horas, Xente Miúda ofrecerá actividades para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. O programa inclúe obradoiros artísticos con Castelo Studio, rutas polas fragas de Cabrois, propostas de danza con Artur Puga e a representación de O tranvía Leonardo, de Fantoches Baj.

Tamén haberá un obradoiro de creación de instrumentos con materiais reciclados a cargo de Xavi Lozano, que rematará co espectáculo Tubos do mundo.

A gastronomía terá outro dos seus puntos de encontro na Casa Rodríguez, o antigo ultramarinos de Castelo, que acollerá os Vermús na Taberna de luns a sábado ás 14.00 horas.

Durante estas sesións, diferentes cociñeiros elaborarán tapas con produtos de proximidade mentres as actuacións musicais poñen ambiente aos mediodías.

Cociña galega e música nos vermús

A programación gastronómica contará coa participación de Jorge Trigo e Nacho Moreira este luns, acompañados pola música de Factoría de Subsistencia.

O martes será a quenda de Manuel Rodríguez e Begoña Vázquez, con Tapa d'Orella como proposta musical. O mércores participarán Lolo Mosteiro, Paula Martínez e Damián París, mentres Balteira se encargará da música.

O xoves estarán Bea Sotelo e Álex Méndez, acompañados por Unto Vello, e o venres chegarán Kike Piñeiro e Lucía Freitas xunto a Ulex.

O sábado haberá unha sesión vermú ampliada con Chisco Jiménez, Moncho Méndez, David Vilariño, Patricia Navarrete e Pablo Morales, ademais das actuacións de Skadelos, Quinkillada e Tanto Nos Ten.

A tradición oral tamén terá o seu espazo

Polas tardes, o festival trasladará a actividade aos diferentes núcleos da parroquia coa programación Contos de Castelo, centrada na oralidade e na recuperación da memoria popular.

O luns, en Castelo de Abaixo, haberá un encontro dedicado á figura de Finita Gay coa participación de Xurxo Souto. O martes, en Vilaverde, está prevista unha charla sobre a regueifa e un obradoiro impartido por Manolo Maseda e Josinho da Teixeira.

O mércores, en Xalo, Artur Puga ofrecerá un obradoiro de baile tradicional que servirá como antesala da foliada nocturna. O xoves, en Folgueira, terá lugar un encontro coas participantes de Mulleres que Contan, coa presenza de Mercy Díaz.

A programación do venres, en Cabrois, estará dedicada aos mitos e ás lendas e á súa relación coa literatura.

Música e espectáculos durante as noites

As actividades continuarán tamén durante as noites. Este luns terá lugar unha homenaxe a Finita Gay coa actuación da Orquestra Bravú Xangai, ás 21.00 horas.

O martes actuarán Kid Mount, ás 21.30 horas, 9Louro, ás 23.00 horas, e Kike Varela, ás 1.00 horas.

O mércores será a quenda do Grupo de Baile de Castelo, ás 20.30 horas, Ailá, ás 21.00 horas, e dunha gran foliada a partir das 22.30 horas.

O xoves, ás 23.00 horas, actuará De Ninghures.

O venres chegará unha das noites musicais máis destacadas, coa actuación de Antía Muíño ás 21.30 horas e Xoel López ás 23.00 horas. A xornada rematará coa sesión de Xacobo DJ.

O sábado concentrará boa parte da festa

A xornada do sábado comezará coa Cea de Festa, entre as 20.00 e as 22.00 horas, cun churrasco cun prezo de 15 euros.

Despois terá lugar A Noite do Castelo Conta, un espectáculo de humor conducido por Xosé A. Touriñán e no que participarán Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Leti da Taberna e Gari Garrido.

As entradas para esta gala xa están esgotadas. A programación continuará de madrugada coa actuación de Gin Toni's, de acceso gratuíto, a partir da 1.00 horas.

O festival pechará o domingo 30 de agosto coa Romaría de San Ramón, que comezará ás 14.30 horas na pista polideportiva. A xornada contará con comida de polbo e coa actuación da orquestra La Ocaband.

Así, Castelo Conta volverá ocupar durante toda unha semana distintos espazos da parroquia cun programa que mestura propostas culturais e de lecer e que busca reunir a públicos de diferentes idades arredor da música, o humor, a gastronomía e a tradición.

0.1219699382782