Máis de 6.000 persoas participaron no concurso sobre doazón e transplantes

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
Fíxose a entrega de premios do VIII Concurso de Carteis para Escolares e do XII Concurso de Curtametraxes
entrega-de-premios-doazon-e-transplantes
4 Jun 2026

A secretaría xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, xunto coa directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, Marisa López, participaron este mediodía no acto de entrega de premios dos concursos de carteis e curtametraxes que promove a Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), onde destacou o compromiso coa doazón e os transplantes case de 6.200 participantes de todas as edicións.

No acto de entrega de premios, celebrado hoxe coincidindo coa conmemoración do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, que tivo lugar na Consellería de Sanidade tamén estiveron presentes a coordinadora autonómica de transplante de ADOS, Concepción Bouzas; a directora xeral de FP da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Eugenia Pérez; e o director de comunicación de GADISA, José Luis Fernández Astray.

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade recoñeceu o labor dos hospitais e do seu persoal na coordinación “silenciosa, discreta e eficaz” para lograr que os órganos cheguen dos doadores ás persoas que recibirán os transplantes.

Lobato salientou o aumento da conciencia social favorable á doazón de órganos entre os escolares galegos, froito do traballo de información e divulgación que se está a levar a cabo nos centros educativos.

Así mesmo, felicitou aos preto de 300 participantes no VIII Concurso de Carteis e o XII Concurso de Curtametraxes relacionados coa doazón e o transplantes galardoados na presente edición.

A secretaria xeral técnica subliñou a crecente actividade rexistrada nos programas de doazón e transplante de órganos en Galicia, que acadou cifras históricas de participación no pasado exercicio con 429 transplantes e 143 doantes. Neste sentido, puxo en valor a solidariedade das familias galegas que, neses delicados momentos, se amosan favorables á doazón.

Na actualidade, preto de 130.000 galegos xa teñen manifestado a súa intención de converterse en doantes de órganos e dispoñen de tarxeta de doador.

Traballos premiados

A Consellería de Sanidade, por medio da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional son as promotoras dos concursos anuais de carteis e de curtametraxes sobre doazón e transplante de órganos que, ademais, contan co patrocinio de Supermercados GADIS.

Na presente edición participaron 230 rapaces e rapazas de 119 centros educativos procedentes de 15 concellos na modalidade de carteis. Ademais, ao certame de curtas, presentáronse 25 traballos realizados por 62 estudantes de 12 centros educativos radicados en 10 municipios galegos.

Na VIII edición do concurso de Carteis, na categoría de 5º e 6º de primaria, o traballo gañador do primeiro premio foi Anímate a doar e vivirás a foliada da vida, de Xiana Gontad Eitor do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro). O segundo premio recaeu no cartel Un agasallo de corazón. Doa, de Jhean Carlos Rondón Vergara do CEIP Plurilingüe de Vite (Santiago de Compostela).

No que atangue á categoría de primeiro ciclo de ESO do concurso de carteis, acadou o primeiro premio Doa, fai sorrir e regala un novo comezo, de Noa Trabazo García do Colexio Sagrado Corazón Jesuitinas (Pontevedra); mentres que o segundo premio foi para O teu corpo pode ser a ponte cara outras vidas, de Brais Romero Gómez do IES Escolas Proval (Nigrán). Cómpre salientar que o xurado outorgou nesta categoría un accésit ao traballo Que flúa a vida, de Aroa Rodiño Barreiro do Colexio Sagrado Corazón Jesuitinas (Pontevedra).

Polo que se refire ao XII concurso de Curtametraxes, resultou gañador o traballo Flores mustias, de Cristobal Añón Blanco do CIFP Imaxe e Son (A Coruña) e o segundo premio recaeu en Doa vida e dá vida a outra vida, de David Estébanez Martínez e Jaime Corripio Campos do IES Vilar Ponte (Viveiro).

0.1200749874115