Máis de 463.000 euros para reforzar a actividade de 120 entidades culturais da provincia

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña publicou a resolución provisional do programa FO213/2026, dirixido a corais, bandas de música populares e colectivos de música e baile tradicional galego
DIPU CORU escola música
20 Apr 2026

A Deputación da Coruña vén de dar un novo impulso ao tecido cultural da provincia coa publicación no BOP da resolución provisional do programa FO213/2026, unha liña de axudas pensada para apoiar corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato. En total, a proposta de concesión suma 463.394,91 euros para 120 entidades.

A convocatoria busca soster a actividade cultural ao longo de 2026 e respaldar o traballo de base que desenvolven estes colectivos nos concellos da provincia. Segundo destacou a deputada de Cultura, Natividade González, estas axudas pretenden fortalecer a promoción da música tradicional e popular e apoiar o labor formativo, social e cultural que realizan estas entidades.

Na resolución provisional figuran tamén entidades de varios dos concellos de As Mariñas. Entre elas están a Agrupación Musical de Abegondo, que recibe 4.200 euros; a Asociación Costumes de Bergondo, con 1.500 euros; Asociacións Sementeira Cambre, con 2.886,72 euros; e a Coral Polifónica de Betanzos, con 2.380 euros.

As contías provisionais incluídas nesta convocatoria van desde os 1.500 ata os 13.500 euros, segundo recolle a relación publicada no boletín provincial, que agora abre o período administrativo previo á resolución definitiva.

0.12785220146179