Máis de 444.000 euros para construir unha nova senda cara a Lavandeira e beirarrúas no Bidueiro

ACoruñaXa
As obras, financiadas integramente con fondos propios, permitirán mellorar a seguridade peonil e a recollida de augas pluviais
ORDES rio cabrón
21 Sep 2026

Máis de 444.000 euros permitirán mellorar as conexións peonís e a seguridade viaria en diferentes puntos de Ordes. O Concello iniciou a licitación das obras para construír unha nova senda desde a rotonda da AC-524 por Ceidón cara a Lavandeira e executar novas beirarrúas na zona do Bidueiro.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 13 de outubro. O contrato conta cun orzamento base de 367.631,45 euros, ao que se engaden 77.202,60 euros de IVE, polo que o investimento total ascende a 444.834,05 euros.

A actuación será financiada integramente con cargo ao remanente líquido de Tesouraría, procedente dos fondos propios municipais.

Unha senda de 1.185 metros ata o río Cabrón

Unha das intervencións contempla a construción dunha senda de 1.185 metros de lonxitude e 1,8 metros de ancho polas dúas marxes do vial actual. O percorrido estará delimitado exteriormente por un bordo de formigón e chegará ata a altura do río Cabrón.

Esta nova infraestrutura permitirá conectar de maneira máis segura o paseo fluvial existente nesta contorna co núcleo urbano de Ordes.

O proxecto contempla ademais unha segunda fase na que está prevista a continuidade da senda por unha das marxes do vial en dirección a Lavandeira, ata rematar na Senra, en Poulo.

675 metros de novas beirarrúas no Bidueiro

A segunda actuación desenvolverase na zona do Bidueiro, onde se instalarán 675 metros de novas beirarrúas de largura variable e rematadas cun bordo exterior.

Nun tramo de 270 metros incorporaranse franxas decorativas realizadas con adoquíns de granito, coa finalidade de mellorar tamén o acabado da nova infraestrutura.

Tanto na senda como nas beirarrúas está prevista a instalación de diferentes elementos para mellorar a recollida e evacuación das augas pluviais. O proxecto inclúe un caz de formigón de 30 centímetros de ancho, tubaxes de polipropileno, arquetas sumidoiro e pozos de rexistro.

As obras tamén contemplan a canalización soterrada necesaria para o sistema de iluminación pública, coa intención de deixar preparada a infraestrutura para garantir unha mellor prestación deste servizo.

Coa posta en marcha desta licitación, o Concello continúa coa renovación das conexións peonís e coa mellora de infraestruturas e servizos básicos en diferentes zonas do municipio.

0.14160299301147