Máis de 350 nenos e nenas participan na xornada coruñesa do Circuíto de Atletismo en Pista

Máis de 350 nenos e nenas toman parte hoxe na segunda xornada do IV Circuíto de Atletismo en Pista Deputación da Coruña, que se desenvolve nas instalacións deportivas do campus de Elviña da Universidade da Coruña (UDC). A cita reúne deportistas das categorías sub-10, sub-12 e sub-14 nunha xornada na que a actividade competitiva comparte protagonismo coa convivencia entre atletas de distintos clubs da provincia.
O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, asistiu ao comezo das probas para trasladar o respaldo da Deputación a esta iniciativa, organizada en colaboración coa Federación Galega de Atletismo. Durante a súa visita, puxo en valor a importancia de promover o atletismo desde as idades máis temperás e de ofrecer aos máis novos a oportunidade de participar en competicións adaptadas á súa etapa deportiva.
O programa inclúe diferentes modalidades, entre elas carreiras de velocidade e medio fondo, saltos de altura e lonxitude e lanzamento de peso. As probas permiten aos participantes achegarse á competición e compartir a experiencia con rapaces e rapazas doutros equipos.
Leira lembrou que o impulso ao deporte de base figura entre as prioridades da institución provincial. Ademais, incidiu en que, nestas categorías, os resultados e as marcas non son o único importante, xa que tamén se trata de favorecer a aprendizaxe de valores como o esforzo, a superación persoal e o compañeirismo. Nese sentido, considerou que ese é o verdadeiro éxito de iniciativas deportivas deste tipo.
O IV Circuíto Deputación da Coruña de Atletismo en Pista está estruturado en tres xornadas repartidas por diferentes puntos da provincia e ten como obxectivo reunir máis dun milleiro de participantes ao longo de toda a competición.
A primeira convocatoria celebrouse o pasado 7 de novembro nas pistas da Universidade de Santiago de Compostela. A xornada que ten lugar hoxe na Coruña é a segunda do calendario, mentres que o circuíto rematará o vindeiro 28 de novembro nas pistas da Malata, en Ferrol.