Máis de 3,1 millóns impulsarán 60 cursos para persoas desempregadas na Coruña

ACoruñaXa
A Xunta reforza a formación para o emprego na cidade con accións AFD e novas axudas vinculadas á hostalería, ao turismo e ao traballo autónomo
A CORUÑA xunta cartos empresas
27 Apr 2026

A Xunta destinará máis de 3,1 millóns de euros á cidade da Coruña para poñer en marcha 60 cursos AFD, dirixidos principalmente a mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas e a dar resposta ás necesidades de persoal cualificado das empresas.

A convocatoria 2026-2027 das Accións Formativas para Desempregados conta cun orzamento global de 60 millóns de euros en Galicia, tras un incremento de 20 millóns para este exercicio. As accións poderán iniciarse este ano e prolongarse en 2027, cun reparto de 50 millóns en 2026 e 10 millóns no seguinte exercicio.

Na Coruña, unha das liñas destacadas céntrase na hostalería. A Asociación Provincial de Hostalería da Coruña dispón de tres novos cursos aprobados, dous de Operacións Básicas de Restaurante e Bar e outro de Cociña, cun financiamento conxunto próximo aos 173.000 euros. Unha destas accións, xa iniciada, conta cunha achega de preto de 40.000 euros.

Desde o inicio da actual lexislatura, este centro formativo recibiu apoio para desenvolver 18 accións AFD, cun investimento da Xunta próximo a 1,1 millóns de euros. O obxectivo é reforzar a preparación de profesionais nun sector que segue a demandar persoal formado tanto en sala como en cociña.

Os cursos AFD están pensados de forma prioritaria para persoas sen emprego, aínda que tamén poden participar persoas ocupadas ata un máximo do 30% das prazas, sempre que non sexan cubertas por demandantes desempregados. O prazo de solicitudes estará aberto ata o 30 de novembro de 2026.

A Xunta tamén mantén activas outras liñas de apoio á formación e á inserción laboral. Entre elas figuran Galicia Suma Talento, dirixida a persoas ocupadas que queiran actualizar competencias, e Formación con compromiso de contratación, que vincula directamente os cursos coas necesidades das empresas e coa posterior incorporación de parte do alumnado.

O paquete de investimentos inclúe ademais apoios ao sector turístico galego, con axudas para modernización de infraestruturas por 4,5 millóns de euros, medidas de eficiencia enerxética por 10 millóns en 2025 e outras achegas que no último ano superaron os 30 millóns de euros para o turismo.

No ámbito do traballo autónomo, o Goberno galego mobiliza preto de 42 millóns de euros en 2026. A maior parte destes fondos, máis de 40,7 millóns, concéntranse nunha orde única que agrupa programas para inicio de actividade, cota cero, consolidación de proxectos, remuda xeracional, novas oportunidades e conciliación.

0.12208104133606