Máis de 30 estudantes de Culleredo achéganse ao arbitraxe nos institutos

O Concello de Culleredo e o Comité de Árbitros de Fútbol da Coruña clausuraron este xoves unha nova edición da Escola de Arbitraxe, un programa dirixido ao alumnado de Educación Secundaria dos IES Rego de Trabe e Blanco Amor. A iniciativa contou coa participación de máis de 30 estudantes, que recibiron formación teórica e práctica sobre o papel arbitral no deporte.
A actividade, posta en marcha no municipio no ano 2023, busca achegar aos máis novos unha visión diferente do fútbol, centrada na responsabilidade, o respecto ás normas, a deportividade e a empatía cara ás persoas que arbitran os encontros.
Durante o curso, os participantes coñeceron o funcionamento interno do arbitraxe da man de profesionais do comité coruñés. A formación desenvolveuse en dúas partes: unha primeira fase nas aulas, con contidos teóricos sobre regulamento e toma de decisións, e unha segunda fase práctica, na que os alumnos puideron aplicar o aprendido nas ligas internas dos seus propios centros educativos.
Os estudantes tamén traballaron con material oficial, como tarxetas, asubíos e equipamentos profesionais, o que lles permitiu achegarse dun xeito máis realista á dinámica dun partido e ás dificultades que implica dirixir un encontro.
A clausura celebrouse nos dous institutos coa entrega de diplomas acreditativos. Os participantes recibiron tamén un asubío como recordo da súa experiencia e como convite a continuar vinculados ao mundo do arbitraxe.
Co peche desta edición, Culleredo consolida unha proposta educativa e deportiva que pretende formar aos mozos non só como posibles árbitros, senón tamén como deportistas e espectadores máis conscientes do valor das normas e do respecto dentro do xogo.