Máis de 3.000 prazas para un verán deportivo con 83 propostas en Arteixo

O Servizo Municipal de Deportes de Arteixo presentou o Programa Deportivo de Verán 2026, unha oferta coa que o Concello busca volver converter as vacacións nun espazo para a actividade física e os hábitos saudables. A iniciativa supera as 3.000 prazas e reúne 83 propostas diferentes, distribuídas en instalacións municipais e noutros espazos deportivos do municipio, coa participación de numerosas entidades locais. Entre as actividades con máis capacidade figuran os cursos municipais de surf, con 360 prazas, o campus de BeOne Arteixo, con 540, e o Campus Verán ARTX 2026 do Club Atlético Arteixo, con 500.
A programación abrangue disciplinas moi diversas, desde fútbol, baloncesto, balonmán ou natación ata ciclismo de montaña, xadrez, ximnasia rítmica, judo, patinaxe artística e tecnificación para porteiros. O Concello incide ademais no respaldo ao tecido asociativo deportivo da vila, ao apoiar unha programación que se desenvolverá ao longo de todo o verán en puntos como o Pazo dos Deportes, a Piscina Municipal, os campos de fútbol de Arteixo, Meicende, Pastoriza e Freán, ou a praia de Sabón.
Un dos apartados centrais do programa volve ser o dos cursos municipais de surf. O prazo de preinscrición abrirase do 27 de abril ao 6 de maio, mentres que a listaxe provisional publicarase a partir do 8 de maio e a definitiva o día 15. No caso de que a demanda supere a oferta, celebrarase un sorteo público o 18 de maio ás 11.00 horas no Pazo dos Deportes. As persoas admitidas deberán formalizar a matrícula entre o 20 e o 27 de maio e, se quedan vacantes, as inscricións directas retomaranse desde o 8 de xuño.
Estes cursos de surf ofertan 20 quendas semanais de luns a venres, con 18 prazas por grupo, entre o 22 de xuño e o 28 de agosto na praia de Sabón. Están dirixidos a rapaces e rapazas nacidos entre 2011 e 2019, teñen un prezo público de 10 euros por curso e inclúen seguro e material deportivo, como táboa, traxe e licra. O regulamento fixa ademais como requisito imprescindible saber nadar e dá preferencia ás persoas empadroadas en Arteixo.