Máis de 2,1 millóns para reforzar o deporte federado da provincia de A Coruña

A Deputación da Coruña deu un novo paso no reparto das axudas ao deporte federado coa publicación das resolucións provisionais de dous programas destinados a clubs sen ánimo de lucro da provincia. As dúas liñas, difundidas nos Boletíns Oficiais da Provincia do 20 e do 22 de abril, superan en conxunto os 2,1 millóns de euros e abranguen tanto os equipos e deportistas que compiten en ámbitos local, provincial e autonómico como os que participan en citas estatais e internacionais.
O paquete articúlase a través dos programas FO103B e FO103C. O primeiro está dirixido aos clubs con participación en competición federada de ámbito local, provincial ou autonómico, mentres que o segundo atende ás entidades que compiten a nivel nacional ou internacional. A convocatoria busca dar cobertura ao funcionamento ordinario dos clubs e ao esforzo engadido que supón manter a actividade competitiva ao longo de toda a tempada.
As resolucións publicadas no BOP deixan claro, ademais, que a concesión é por agora provisional. As entidades beneficiarias ou afectadas dispoñen de dez días hábiles desde o día seguinte á publicación para presentar alegacións, reformulacións ou emendar erros antes de que a Deputación aprobe a resolución definitiva.
Con esta nova inxección económica, a institución provincial reforza unha das súas principais liñas de apoio ao tecido deportivo coruñés, nun momento no que moitos clubs afrontan custos cada vez máis elevados para soster a competición e manter a súa actividade regular.