Máis de 200 nadadores daranse cita este domingo na XI Travesía Costa Oleiros Duacode en Santa Cristina

GaliciaXa | ACoruñaXa
A competición incluirá dous percorridos de 3.000 e 1.000 metros e reunirá participantes chegados de Galicia e doutras comunidades
travesia-costa-oleiros-duacode
25 Jul 2026

A praia de Santa Cristina acollerá este domingo 26 de xullo a XI Travesía Costa Oleiros Duacode 2026, unha das citas de natación en augas abertas máis consolidadas de Galicia. A proba reunirá a máis de 200 nadadores e nadadoras procedentes de diferentes puntos de Galicia e do resto de España, convertendo de novo o areal oleirense nun dos epicentros do calendario estival desta modalidade deportiva.

A competición disputarase en dous percorridos adaptados a distintos niveis de experiencia. A proba de 3.000 metros dará comezo ás 11.00 horas, mentres que a de 1.000 metros arrancará ás 12.00 horas. Ambas terán saída e chegada na praia de Santa Cristina, permitindo participar tanto a deportistas habituais das travesías en augas abertas como a persoas que se inician nesta disciplina.

Ademais do seu carácter competitivo, a Travesía Costa Oleiros Duacode busca promover o deporte, dar visibilidade ao litoral do municipio e favorecer a dinamización da contorna. A organización prevé unha xornada de convivencia entre participantes, familiares e público, contribuíndo tamén a poñer en valor a riqueza paisaxística da costa de Oleiros e a fomentar a práctica da actividade física nun espazo natural.

Con esta iniciativa, o Concello de Oleiros mantén o seu apoio á celebración de eventos deportivos que promoven hábitos de vida saudables, impulsan a actividade social e económica do municipio e reforzan a proxección de Oleiros como destino para a práctica do deporte ao aire libre.

0.12601900100708