Máis de 200 artistas levarán 'Aladdín' ao parque da Lagoa de Mera

O parque da Lagoa de Mera converterase este domingo nun grande escenario ao aire libre coa representación dun musical inspirado en 'Aladdín', o clásico de Disney. A cita, organizada polo Concello de Oleiros, terá lugar o 24 de maio ás 17.00 horas e reunirá a máis de 200 artistas.
Na actuación participarán a Orquestra Sinfónica e os coros da Escola Municipal de Música, o coro 'Tremenda Tremolina' e un grupo da Escola Municipal de Danza. O espectáculo combinará música, voces e baile nunha proposta pensada para todos os públicos.
A Orquestra Sinfónica estará formada pola orquestra de cordas, a Banda da escola, a Banda xuvenil e a Big Band, agrupando arredor dun cento de músicos. A eles sumaranse as voces dos coros e o alumnado de danza, que completarán a posta en escena do musical.
Con esta representación, a Escola Municipal de Música de Oleiros dará comezo ás súas actuacións de fin de curso, que continuarán durante todo o mes de xuño en distintos espazos públicos do municipio. A proposta busca achegar o traballo desenvolvido polo alumnado á veciñanza e ofrecer unha tarde de cultura, música e convivencia nun dos espazos naturais máis emblemáticos de Mera.