Máis de 20 concellos da Coruña reforzan o servizo de protección civil

ACoruñaXa
A orde de equipamento dota ás agrupacións de emerxencias con materiais avanzados, cun investimento de máis de 24 millóns de euros nos últimos anos
Protección Civil Arteixo
19 Nov 2024

A Xunta de Galicia avanza no seu compromiso de mellorar os recursos das agrupacións municipais de Protección Civil. O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Arteixo, que recibiu un kit de ferramentas eléctricas no marco da orde de equipamento para emerxencias. Esta iniciativa beneficia a un total de 24 concellos da provincia da Coruña, incluídos Cambre, Oleiros e Padrón, cun investimento de case 76.000 euros.

A través desta medida, dotáronse tamén outros concellos como Ames, Carballo, Narón ou Ribeira con kits de seguridade viaria e material loxístico. Pola súa banda, Laxe, Ponteceso, Zas e outros municipios recibiron tendas de campaña destinadas a atender situacións de emerxencia. No conxunto de Galicia, 87 municipios dispoñen agora de novos recursos grazas a unha partida global de máis de 400.000 euros, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Feder-Galicia 2021-2027.

Apoio sostido no tempo

O director xeral destacou que esta orde de axudas complementa as actuacións regulares do Goberno galego, que nos últimos anos investiu máis de 24 millóns de euros en reforzar a protección civil e as emerxencias municipais. Este financiamento inclúe a adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas, ademais de liñas anuais de apoio ao mantemento da actividade. Só este ano, estas axudas beneficiaron preto de 200 colectivos cunha dotación de 340.000 euros.

No caso de Arteixo, as achegas acumuladas ascenden a case 200.000 euros, incluíndo dúas embarcacións, unha moto acuática, vehículos especializados e materiais para operacións de rescate, seguridade viaria e emerxencias.

Formación especializada

Outro dos piares do apoio ás agrupacións de Protección Civil é a formación. A través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), a Xunta organizou nos últimos doce meses preto de 100 accións formativas nas que participaron 2.000 persoas. Estes cursos inclúen desde técnicas de rescate e uso de equipamento ata xestión de emerxencias en situacións de risco.

Villanueva subliñou que estas actuacións son clave para garantir a eficacia e a seguridade das intervencións, especialmente en concellos con menos recursos. “As agrupacións de Protección Civil representan un piar fundamental no sistema de emerxencias, e desde a Xunta seguimos traballando para que dispoñan dos medios necesarios para responder ante calquera eventualidade”, apuntou.

0.12024092674255