Máis de 2.000 persoas reciben información para un ocio nocturno máis respectuoso na Coruña

O Concello da Coruña puxo en marcha na noite do pasado venres unha campaña de concienciación para mellorar a convivencia nas zonas de ocio nocturno. A iniciativa buscou apelar ao sentido común á hora de saír de festa, coa mensaxe de compatibilizar o lecer co respecto pola limpeza, o descanso das persoas que viven na contorna e as normas básicas de hixiene.
A acción desenvolveuse a pé de rúa, con reparto de información en distintos puntos da cidade e coa colocación de carteis divulgativos con lemas como 'Este é o teu sinal para pasalo ben respectando o descanso dos veciños e veciñas'. Segundo o balance municipal, o operativo permitiu informar a máis de 2.000 persoas durante o primeiro fin de semana da campaña.
Dous equipos técnicos, formados por tres persoas cada un, percorreron o rueiro entre as 21.00 e as 2.00 horas e distribuíron máis de 2.000 bolsas de tea, 2.000 folletos e 2.000 pegatinas. Dende o dispositivo sinalan que a acollida foi, en xeral, positiva.
'A todos gústanos pasalo ben. Non se trata de quedarse na casa pechado. O único que pedimos é sentido común e respecto a unhas normas básicas de convivencia cando saímos pola noite. Non é un esforzo moi grande, pero si marca unha gran diferenza', subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
A campaña enmárcase no plan municipal para reducir conflitos vinculados ao ocio nocturno e avanzar nun modelo no que o disfrute non choque co dereito ao descanso e coa hixiene. O Concello lembra que este traballo xa tiña percorrido, coa convocatoria dunha mesa de traballo o pasado mes de marzo para compartir obxectivos e avanzar no eido normativo.
Nesta primeira fin de semana, tanto as asociacións veciñais como o sector hostaleiro contribuíron á difusión da iniciativa, que se repetirá ao longo das próximas fins de semana.