Máis de 2.000 persoas pedalean pola Coruña no Día da Bicicleta

ACoruñaXa
A marcha familiar, organizada polo Concello e Agaxorde, promoveu a mobilidade sostible, os hábitos saudables e a solidariedade con Padre Rubinos
A CORUÑA dia bicicleta
28 Jun 2026

Máis de 2.000 persoas participaron este domingo no Día da Bicicleta da Coruña, unha marcha familiar organizada polo Concello e a Asociación Galega de Xornalistas do Deporte. A cita partiu da praza de María Pita e percorreu o paseo marítimo ata a rotonda das Escravas antes de regresar ao punto de saída.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participou na actividade e reivindicou a importancia de fomentar a mobilidade sostible, o deporte ao aire libre e os hábitos saudables entre persoas de todas as idades.

A marcha aproveitou parte da rede ciclable habilitada na cidade, que xa supera os 50 quilómetros. Canosa destacou tamén o crecemento de BiciCoruña, que no mes de maio superou a barreira dos 10.000 traxectos nun só día, e defendeu que a bicicleta xa forma parte do presente e do futuro da mobilidade coruñesa.

A xornada tivo ademais unha vertente solidaria. A inscrición foi gratuíta, pero as persoas participantes puideron colaborar coa Institución Benéfico Social Padre Rubinos mediante a achega de alimentos non perecedoiros. En total, recolléronse máis de 150 quilos de comida.

A programación completouse na praza de María Pita con clases de zumba, deportes alternativos e inclusivos, xogos tradicionais, sorteos e agasallos. A edición deste ano incluíu tamén un percorrido guiado celebrado o sábado 27, no que o guía turístico Suso Martínez explicou detalles históricos dalgúns puntos do trazado.

0.12041687965393