Máis de 2.000 avisos para reforzar a limpeza das faixas de protección contra incendios

ACoruñaXa
O Concello de Miño lembra ás persoas titulares de terreos a obriga legal de xestionar a biomasa nas franxas próximas ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable
MIÑO concello
Imaxe de Noelia Uceira
24 Mar 2026

O Concello de Miño puxo en marcha unha nova campaña informativa para lembrar a obriga de xestionar a biomasa forestal nos terreos incluídos nas faixas secundarias de protección contra incendios, unha medida recollida na lei galega de prevención e defensa contra os lumes forestais. O obxectivo é reducir o risco nas zonas máis próximas ás vivendas e aos núcleos habitados, minimizando a presenza de material inflamable e reforzando a seguridade da poboación.

Segundo informa o goberno local, xa foron remitidas máis de 2.000 cartas ás persoas titulares de parcelas afectadas por esta normativa. Nelas recórdase que estas faixas corresponden a franxas perimetrais de 50 metros arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, onde non pode existir vexetación de determinadas especies consideradas de maior perigo en caso de incendio.

Entre as especies que deben ser retiradas figuran o piñeiro, o eucalipto, a mimosa, a acacia, a xesta, o fieito, o toxo e a silva. A normativa busca crear espazos de protección arredor das zonas habitadas para dificultar a propagación do lume e limitar o seu impacto sobre persoas e bens.

Co fin de facilitar a consulta da información, o Concello indica que as persoas interesadas poden comprobar se as súas parcelas están afectadas a través do visor habilitado pola Xunta de Galicia, así como na web municipal, dentro do xeportal de datos e do visor de faixas de protección contra incendios.

Desde o Concello tamén lembran que, unha vez realizadas as tarefas de limpeza, é necesario comunicalo oficialmente á administración local, ben de maneira presencial no Rexistro ou a través da sede electrónica. Ese trámite permitirá arquivar o expediente correspondente e deixar constancia de que a parcela cumpre coas obrigas establecidas pola lexislación vixente.

0.12009406089783