Máis de 17,7 millóns para conservar a A-6 ao seu paso por Abegondo, Coirós, Aranga, Cambre e Culleredo

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible licitou un contrato de 17,7 millóns de euros destinado á conservación e explotación de 81,33 quilómetros da Rede de Estradas do Estado na provincia da Coruña. As actuacións afectarán á autovía A-6, ao seu paso polos concellos de Culleredo, Cambre, Abegondo, Coirós e Aranga, así como ás estradas AC-14, AC-10 e AC-15 e a varios dos seus ramais.
O contrato, autorizado previamente polo Consello de Ministros, contempla os traballos de conservación da A-6 entre os puntos quilométricos 540 e 593, ademais da mellora da seguridade viaria mediante o repintado das marcas viarias tanto nesta autovía como na AC-14, AC-15 e AC-10.
A actuación terá unha duración de cinco anos, con posibilidade dunha prórroga adicional de ata nove meses, e inclúe labores habituais de conservación como a vixilancia das vías, a atención de incidencias e accidentes, os dispositivos de vialidade invernal, o mantemento das instalacións, o servizo de comunicacións e estudos relacionados coa seguridade viaria.
Segundo explica o Ministerio, este tipo de contratos busca garantir que as estradas estatais manteñan unhas condicións axeitadas de circulación, seguridade e accesibilidade, ao tempo que se optimizan os recursos destinados ao seu mantemento.
Os pregos tamén incorporan criterios ambientais que obrigan á empresa adxudicataria a implantar medidas de eficiencia enerxética e redución de emisións. Entre elas figuran o autoconsumo enerxético, sistemas de aforro na iluminación, a incorporación de vehículos eléctricos e a elaboración dun plan de descarbonización durante os primeiros seis meses de contrato, co obxectivo de avanzar cara a un balance neutro de carbono na execución do servizo.