Máis de 150.000 euros para mellorar o saneamento e modernizar o campo de fútbol de Gallamonde en Miño

O Concello de Miño vén de sacar a licitación dúas novas actuacións destinadas á mellora das infraestruturas municipais, cun investimento conxunto superior aos 150.000 euros. Os proxectos céntranse na ampliación da rede de saneamento no núcleo de Bollo e na mellora das bancadas do campo de fútbol municipal de Gallamonde.
A primeira das intervencións, cun orzamento de 55.580 euros, permitirá estender a rede de saneamento na zona oeste de Bollo mediante a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). A instalación situarase no punto máis baixo do núcleo, nas inmediacións do Rego dos Muíños, co obxectivo de optimizar o funcionamento do sistema de depuración.
O proxecto prevé a implantación dunha liña de tratamento formada por decantadores dixestores primarios e pozos filtrantes, unha solución especialmente indicada para pequenos núcleos de poboación. Este sistema non require achegas externas de enerxía, xa que aproveita o desnivel natural do terreo para o desprazamento das augas, o que permitirá reducir o consumo enerxético e minimizar os alivios.
A segunda actuación, dotada con 95.495 euros, consistirá na ampliación da cuberta das bancadas do campo de fútbol municipal de Gallamonde. A obra estenderá a protección existente nos dous laterais da estrutura actual para ofrecer un maior abrigo aos espectadores tanto fronte á chuvia como á exposición solar.
No lateral norte executarase unha nova cuberta de aproximadamente 22,75 metros de lonxitude e 7,15 metros de anchura, mentres que no lateral sur terá unhas dimensións de 11,40 metros de longo e 7,85 metros de ancho.
Ademais, o proxecto inclúe a instalación dunha pequena viseira ao longo de toda a cuberta, tanto na parte existente como na ampliación, co fin de mellorar a protección das primeiras filas das bancadas. Tamén se acometerá a ampliación da rede de recollida de augas pluviais e a mellora da iluminación situada baixo a cuberta.
Con estas dúas actuacións, o Concello continúa avanzando na modernización das infraestruturas municipais e na mellora dos servizos públicos e das instalacións deportivas do municipio.