Máis de 15 deportes poderán probarse este venres nunha nova xornada deportiva en Ordes

ACoruñaXa
O Campo da Feira acollerá de 17.00 a 20.30 horas unha cita con clubs e entidades locais para dar a coñecer a oferta deportiva do municipio
ORDES dia do deporte
11 Sep 2026

O deporte tomará este venres, 11 de setembro, o Campo da Feira de Ordes cunha nova edición do Día do Deporte, unha iniciativa coa que o Concello busca achegar á veciñanza a ampla oferta de disciplinas deportivas existente no municipio e animar especialmente aos máis novos a descubrir novas actividades.

A xornada desenvolverase entre as 17.00 e as 20.30 horas e contará coa participación de clubs e entidades deportivas locais, que instalarán diferentes postos informativos. Ademais de coñecer as propostas de cada organización, as persoas asistentes poderán probar as distintas modalidades e recibir explicacións e asesoramento por parte dos monitores e monitoras.

En total, a programación reúne máis de 15 disciplinas deportivas, entre elas fútbol sala da man de Jogafán F.S., fútbol coa S.D.C. Órdenes, patinaxe con Galia, kickbóxing con Fight Club e taekwondo con Boudsport.

A oferta tamén inclúe tenis, tenis de mesa a través de Oroso T.M., atletismo con Atlética A Silva-Ordes, natación co Club Natación Ordes, ciclismo co Club Ciclista SEO e actividades ao aire libre propostas polo Club Deportivo K2.

O percorrido deportivo complétase con lanzamento e precisión con Cornhole Ordes, tiro con arco con Adarve, hóckey coa A.C. Ordes e Hóckey Patín Zendal, billar co Ordes Billar Club e xadrez co Club Xadrez Ordes.

A organización preparou ademais unha iniciativa para incentivar que os participantes se acheguen ao maior número posible de postos. Cada persoa recibirá gratuitamente un boleto que deberá ir selando tras probar as diferentes disciplinas. Quen consiga completar todo o cartón participará no sorteo de diverso material deportivo.

A actividade conta tamén coa colaboración do comercio local, coa participación de As Puntadas, Anova, Alpi e Sportec.

No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan desenvolver a xornada ao aire libre, o Día do Deporte trasladarase aos polideportivos Castelao I e II. Desta maneira, o Concello mantén a celebración dunha cita pensada para dar visibilidade ao tecido deportivo local e facilitar que a veciñanza coñeza de primeira man as opcións existentes para practicar deporte no municipio.

0.16874098777771