Máis de 130 persoas subirán ao escenario no Festival de Música e Baile Tradicional de Xiradela

O anfiteatro do Paseo Fluvial de Arteixo converterase este sábado 20 de xuño nun gran escaparate da música e do baile tradicional galego coa celebración do Festival de Música e Baile Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela. A cita, de acceso libre e gratuíto, comezará ás 18.00 horas e reunirá sobre o escenario a preto de 135 persoas participantes.
O festival servirá como peche ao curso para o alumnado da entidade arteixá, que durante os últimos meses traballou na aprendizaxe e conservación do patrimonio cultural galego a través do baile, a música e o canto tradicional. Sobre o escenario actuarán 13 grupos de pandeireta e canto, sete grupos de baile e unha formación de gaita e percusión integrada por 20 persoas, todos eles coordinados por seis mestres.
Para moitos dos participantes será unha xornada especialmente significativa, xa que se estrearán diante do público tras un ano de ensaios. A presenza da cativada volverá ser un dos grandes atractivos dunha cita que ten na transmisión xeracional da cultura tradicional un dos seus principais sinais de identidade.
O festival permitirá ao público gozar de bailes, coplas e pezas musicais procedentes de diferentes puntos de Galicia, recuperadas e conservadas grazas ao traballo desenvolvido pola asociación ao longo das últimas décadas. A indumentaria tradicional terá tamén un papel destacado, achegando cor e autenticidade a unha celebración que cada ano reúne a centos de persoas no Paseo Fluvial.
Desde Xiradela destacan que esta cita constitúe unha oportunidade para compartir coa veciñanza o traballo realizado ao longo do curso e para seguir divulgando a riqueza do folclore galego. Familiares, amizades e afeccionados á cultura tradicional adoitan encher as bancadas do anfiteatro para acompañar os grupos nesta exhibición anual.
A actividade intégrase este ano dentro da programación de Arteixoven e conta coa colaboración do Concello de Arteixo e da Deputación da Coruña.
Máis de catro décadas promovendo a cultura tradicional
Fundada en 1982, a Asociación Xuvenil Xiradela é unha das entidades de referencia na conservación e difusión da cultura popular galega. Ao longo da súa historia ampliou a súa actividade desde o baile tradicional ata a formación en pandeireta, canto, gaita e percusión.
Desde 1984 desenvolve ademais un importante labor de investigación e recuperación de música, literatura oral, costumes, traxes e bailes tradicionais. Entre as súas actividades máis coñecidas figuran o Día da Muiñeira de Arteixo, que este ano alcanzou a súa 38 edición, e o Concurso de Música Tradicional, creado no ano 2000 para fomentar a participación da mocidade e das escolas de música tradicional galega.