Máis de 1.500 autónomos e pemes da provincia da Coruña recibirán máis de 10 millóns das axudas do PEL

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A Deputación da Coruña financiará contratacións, investimentos e gastos de actividade para reforzar o tecido empresarial, especialmente no rural
DEPU CORU pel 2026
29 Jul 2026

A Deputación da Coruña resolveu a concesión das axudas do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, que este ano mobilizarán 10.036.501,39 euros para apoiar a 1.510 persoas autónomas, microempresas e pemes da provincia. O programa contempla catro liñas de axuda destinadas a favorecer a creación e mantemento do emprego, impulsar investimentos empresariais e apoiar a actividade dos traballadores por conta propia.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou que estas axudas están dirixidas ás persoas que sosteñen o tecido económico dos municipios. "Estas axudas van directamente ás persoas que manteñen vivo o tecido económico dos concellos: autónomos, pequenas empresas e negocios familiares que crean emprego e fixan poboación", afirmou.

Unha das liñas con maior número de beneficiarios será PEL-Autónomos/as, que chegará a 730 profesionais de concellos de menos de 10.000 habitantes cun investimento de 2,2 millóns de euros. As axudas permitirán facer fronte a gastos fixos como as cotas á Seguridade Social e, como novidade nesta convocatoria, tamén ao alugueiro de locais, oficinas ou centros de traballo.

Pola súa banda, o programa PEL-Emprende Investimento destinará máis de 2,75 millóns de euros para financiar a modernización de 276 empresas, cubrindo ata o 70 % do custo de investimentos en maquinaria, equipamento, mobiliario ou aplicacións informáticas.

O plan tamén permitirá financiar 504 contratacións a través das liñas destinadas á creación e mantemento do emprego nas pemes. En concreto, apoiaranse 342 novas contratacións e manteranse 162 contratos indefinidos subvencionados en convocatorias anteriores. As axudas poderán cubrir ata o 60 % dos custos salariais nas novas incorporacións e ata o 50 % nos contratos de mantemento, con especial atención aos colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral.

Desde a súa posta en marcha hai unha década, o Plan de Emprego Local da Deputación repartiu máis de 140 millóns de euros, contribuíu á creación de 9.033 empregos e apoiou a creación de 15.539 empresas na provincia.

0.11989402770996