Máis de 1.100 árbores autóctonas crearán novos corredores ecolóxicos en Curtis

ACoruñaXa
A Xunta inicia en Fisteus unha plantación ligada á concentración parcelaria coa implicación da veciñanza e de propietarios de fincas da zona
CURTIS plantaciones
12 Mar 2026

O concello de Curtis deu este xoves o primeiro paso para impulsar novos corredores ecolóxicos na parroquia de Fisteus coa plantación das primeiras árbores dunha actuación que prevé superar os 1.100 exemplares de especies autóctonas.

A iniciativa, promovida pola Xunta no marco da actividade ‘A Liga das Sebes’, comezou cun obradoiro práctico no que se plantaron 40 exemplares nunha parcela municipal. A actuación busca recuperar unha paisaxe tradicional ligada ás sebes autóctonas e reforzar a biodiversidade nunha zona marcada polo proceso de concentración parcelaria.

O groso da intervención desenvolverase agora coa participación da veciñanza e de titulares de predios da zona, que recibirán árbores, material de apoio e asesoramento técnico para completar as plantacións nos bordos de camiños e parcelas. O obxectivo é crear franxas verdes que axuden a protexer os cultivos e os solos da erosión, ao tempo que sirvan de refuxio para a fauna.

Desde a Xunta enmarcan esta actuación nun proxecto europeo de infraestrutura verde centrado na recuperación dos servizos ecosistémicos vinculados á paisaxe, á auga, ao clima e á biodiversidade. No caso de Curtis, o proxecto pon o foco en Fisteus, unha zona especialmente significativa por estar considerada a maior reestruturación parcelaria da historia de Galicia.

A iniciativa inclúe tamén un seguimento das actuacións e un recoñecemento simbólico para as mellores intervencións ambientais e paisaxísticas, nun intento por implicar á poboación local na conservación a medio prazo destas novas sebes.

0.11778593063354