Máis de 1.000 futbolistas e 94 equipos toman Narón nun dos grandes torneos de canteira da fin de semana

ACoruñaXa
O Gran Premio Deputación da Coruña reúne no estadio de Río Seco clubs de Galicia, España, Portugal, Alemaña e Italia e aspira a superar os 5.000 asistentes
NARON futbol dipu
4 Sep 2026

Narón converterase esta fin de semana nun dos grandes puntos de encontro do fútbol base coa celebración do Gran Premio Deputación da Coruña, XI Torneo Internacional Cidade de Narón. A competición reúne máis de 1.000 nenos e nenas das categorías benxamín e alevín, integrados en 94 equipos, e levará ao estadio municipal de Río Seco unha intensa programación de partidos até o domingo.

O torneo conta coa participación de clubs de referencia como o RC Deportivo, RC Celta, Sporting de Gijón e Real Oviedo, ademais de equipos procedentes de Portugal, Alemaña e Italia. A presenza de xogadores, familias, técnicos e acompañantes converte a cita tamén nun importante escaparate para Narón e para o conxunto de Ferrolterra.

A competición desenvolverase en catro campos de fútbol 8, dous de herba natural e dous de herba artificial. Tras a primeira fase, os equipos repartiranse entre as fases Prata e Ouro. O sábado será a quenda da Fase Prata, mentres que o domingo se decidirán os campións na Fase Ouro, con cuartos, semifinais e finais.

O torneo, organizado pola SDCR Narón O Freixo, chega á súa undécima edición cun novo impulso da Deputación da Coruña, que se incorpora como principal patrocinador cunha achega de 90.000 euros. O obxectivo é reforzar unha competición que leva anos medrando e que xa se converteu nunha das citas destacadas do calendario do fútbol base.

A dimensión do evento vai máis alá do terreo de xogo. A organización prevé superar os 5.000 asistentes durante toda a fin de semana, fronte aos arredor de 3.500 rexistrados na pasada edición. A chegada de centos de familiares e acompañantes terá tamén incidencia na hostalaría, a restauración e o comercio local.

O domingo pola tarde terá lugar a entrega de premios coa que se clausurará o torneo. Ademais dos trofeos aos equipos mellor clasificados, tamén se recoñecerá o mellor xogador e o mellor porteiro de cada categoría.

0.12234783172607