Máis control policial no taxi de Alvedro tras detectar fallos na bolsa de reforzo

ACoruñaXa
O Concello de Culleredo corrixirá desde este luns 27 de abril as incorporacións de vehículos para garantir que as saídas se fagan de tres en tres e só cando a parada quede baleira
CULLEREDO n550 alvedro
27 Apr 2026

O Concello de Culleredo reforzará desde este luns 27 de abril a vixilancia sobre o servizo de taxi no Aeroporto de Alvedro, tras detectar nos primeiros días da operativa excepcional prácticas que non se axustan ao sistema previsto para a bolsa de reforzo. A medida chega nun momento de maior presión sobre a terminal, que asumiu máis actividade polo peche temporal de Lavacolla entre o 23 de abril e o 27 de maio por obras na pista.

Segundo a ordenación vixente, os vehículos procedentes da bolsa deben incorporarse á parada en grupos dun máximo de tres taxis e unicamente cando non queden taxis de quenda. Isto implica que non poderá haber unha substitución continua de coches, senón que deberán saír tres unidades e non se incorporarán novas ata que a parada volva quedar sen servizo dispoñible.

A Policía Local será a encargada de corrixir estas situacións e de lembrar aos profesionais que as saídas desde a bolsa de reforzo deben realizarse sempre ‘de tres en tres’, sen excepcións nin interpretacións diferentes. O obxectivo municipal é manter unha organización equilibrada, evitar desaxustes na prestación do servizo e garantir unha resposta adecuada aos usuarios do aeroporto.

O dispositivo especial púxose en marcha polo aumento de actividade en Alvedro, que durante o peche de Lavacolla asumirá unha parte importante dos voos desviados desde Santiago. A previsión apunta a un incremento notable das operacións na terminal coruñesa durante este período.

Ademais, os axentes municipais tamén detectaron carencias no servizo de bus metropolitano e a necesidade de mellorar a sinalización no exterior do aeroporto. O Concello considera que estes cambios son necesarios para facilitar a mobilidade e reforzar a seguridade das persoas usuarias nun contexto de maior afluencia en Alvedro.

0.11500191688538