Máis confort para os servizos municipais de Curtis coa renovación da Casa Indiana

A Casa Indiana de Curtis encara a recta final da súa rehabilitación tras un investimento global duns 785.000 euros que permitirá recuperar un inmoble de interese histórico e transformalo nun novo espazo público para a veciñanza. O edificio, situado na rúa Mestre Eduardo Fariña, fronte á Carballeira, acollerá oficinas de atención cidadá, servizos sociais, emprego, formación e actividades municipais.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este martes o inmoble acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos. Durante o percorrido comprobaron o resultado das obras de rehabilitación, practicamente rematadas a falta das conexións de auga e electricidade e da incorporación do mobiliario.
O Concello adquiriu no seu día esta casa indiana, xunto cunha parcela de 16.000 metros cadrados, co obxectivo de ampliar os espazos públicos dispoñibles na localidade e dar resposta á demanda de novos servizos e actividades por parte da veciñanza. Ademais da recuperación do edificio, o proxecto inclúe a apertura dunha ampla zona verde con equipamentos deportivos de 11.000 metros cadrados. Os 5.000 metros cadrados restantes quedarán reservados para futuras infraestruturas de uso social.
A Xunta de Galicia colaborou na actuación cunha achega de 48.000 euros a través dun convenio coa Consellería de Presidencia. Estes fondos destináronse á instalación dun sistema centralizado de calefacción, unha mellora que permitirá garantir condicións axeitadas de confort térmico no edificio e prestar os servizos municipais en mellores condicións tanto para o persoal como para as persoas usuarias.
Calvo destacou que esta intervención forma parte das liñas de apoio da Xunta ao ámbito local, orientadas a mellorar infraestruturas, equipamentos e servizos de proximidade nos concellos galegos. Nos últimos anos, Curtis recibiu máis de 2,3 millóns de euros a través das distintas convocatorias autonómicas de cooperación local, con actuacións en abastecemento, pavillóns deportivos, sendas, camiños e adquisición de equipamento municipal.
Pola súa banda, o alcalde agradeceu a colaboración do Goberno galego e subliñou a relevancia que terá a Casa Indiana para Curtis. Segundo indicou, o novo espazo converterase nun punto de referencia para a localidade, ao reunir trámites administrativos, xestións, servizos públicos e programación municipal nun mesmo edificio.
A visita incluíu tamén unha parada no polideportivo de Curtis, onde Calvo e Caínzos comprobaron o resultado do repintado das pistas. Esta actuación supuxo un investimento duns 50.000 euros, financiado nun 70 % pola Xunta e nun 30 % polo Concello.
A comitiva desprazouse ademais ao local da asociación veciñal de Santa María de Fisteus, que recibiu 5.000 euros ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria. A axuda permitiu adquirir unha bomba de calor, electrodomésticos e material informático e audiovisual para facilitar o desenvolvemento das actividades culturais, sociais e deportivas da entidade.
A xornada rematou cunha visita á feira de Curtis, un mercado tradicional que se celebra os días 9 e 23 de cada mes, onde o conselleiro e o alcalde conversaron coa veciñanza.