Luz verde para limpar o regato de Augas Mansas tras tres meses á espera do permiso

O Concello de Culleredo continuará as actuacións previstas na urbanización de Augas Mansas (A Zapateira) despois de recibir ao mediodía de onte a autorización da Xunta de Galicia para intervir no regato. Co visto e prace, os servizos municipais poderán encargar a actuación, centrada na limpeza e conservación do curso de auga, con desbroce de maleza tanto no leito como nos muros do canal.
Segundo explica o goberno local, o permiso solicitárase en novembro ante Augas de Galicia e a tramitación alongouse ao modificarse o procedemento respecto doutras ocasións. Desta volta, a administración autonómica considerou que a intervención debía tramitarse como obra e non como un simple mantemento, o que demorou os prazos ata contar agora coa autorización.
Mentres se agardaba pola resolución, o Concello indica que executou distintas melloras para atender demandas veciñais antes de rematar o ano. Entre elas, realizouse o rebacheo das vías da urbanización, aínda que o edil de Obras, Carlos Liñares, sinala que as fortes choivas provocaron a aparición de novos baches nas últimas semanas. Tamén se reforzou a sinalización viaria no cruce entre as rúas Río Mandeo e Río Miño.
No apartado de servizos, levouse a cabo un desbroce xeral, incluíndo a reposición do arborado de peche do parque infantil, ademais de actuacións de desratización e limpeza viaria. Coa limpeza do regato xa autorizada, o Concello avanza que manterá as melloras progresivas en Augas Mansas para seguir respondendo ás peticións das persoas residentes.