Luz verde no pleno a máis de 723.000 euros en plans provinciais e a novas medidas municipais en Curtis

O Pleno da Corporación Municipal de Curtis celebrou esta mañá unha sesión na que saíron adiante todos os puntos incluídos na orde do día. Entre os asuntos principais, a corporación ratificou por unanimidade o POS+ADICIONAL 1/2026 para financiar gastos sociais extraordinarios do exercicio 2026, cun importe de 76.044,76 euros.
Na mesma sesión, tamén foi aprobada por unanimidade a participación no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ 2026, así como a asignación das achegas provinciais. Segundo informou o Concello, 540.110,46 euros destinaranse a obras de mellora da rede viaria e 106.932,86 euros a gasto corrente.
No apartado educativo, o pleno aprobou a proposta da nova área educativa cos votos a favor do PP e a abstención do BNG.
Ademais, o debate incluíu varias mocións presentadas polos grupos municipais. A proposta do PP contra o recorte de servizos financeiros do Banco Santander en Teixeiro e en defensa da inclusión financeira no medio rural foi aprobada por unanimidade. Tamén obtivo apoio unánime a moción do BNG para a reparación do firme da estrada N-634 e das vías de servizo.
Por último, o pleno aprobou igualmente por unanimidade unha moción de apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro galego, tras transaccionarse unha iniciativa de cada grupo político municipal. Outras dúas mocións debatidas na sesión non prosperaron.