Luz verde na Coruña para demoler o esqueleto urbanístico do Martinete no primeiro trimestre de 2025

ACoruñaXa
O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou ese mércores de que o derrubamento se levará a cabo pola vía de execución subsidiaria, “dado que a propiedade non atendeu as súas responsibilidades”
Imaxe de Lage Tuñas na rolda de prensa do Concello da Coruña
15 Maio 2024

Este mércores celrebrouse na Coruña a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que aprobou este mércores a licitación das obras de demolición do esqueleto urbanístico existente no barrio do Martinete, traballos que se completarán, previsiblemente, no primeiro trimestre de 2025.

Tal e como informou o primeiro tenente de alcaldesa e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, a estrutura, situada entre as rúas Mozart e Luís Peña Novo, será derrubada.

A estrutura comezou a construírse nos anos da crise financeira do 2008, mais a propiedade nunca chegou a completar as obras necesarias para dar acceso ás vivendas, polo que o edificio ficou sen rematar e, polo paso do tempo e a conseguinte deterioración da estrutura, as obras declaráronse ilegalizables. Lage apuntou, neste sentido, que “o esqueleto ocupa un soar dunha superficie de máis de 1.100 metros cadrados, e co paso dos anos foi converténdose nun foco de insalubridade e maleza, entrañando tamén un risco para a seguridade das persoas pola súa progresiva deterioración, ante a inacción da propiedade, que fixo caso omiso das súas obrigas: primeiro, a de rematar a construción; e, a segunda, a de rehabilitar e manter a estrutura”.

Por este motivo, dado que a propiedade non atendeu os requirimentos do Concello, e tras avaliar o estado do edificio, o Goberno municipal optou por recorrer á vía da execución subsidiaria de cara á súa demolición total. O orzamento base de licitación do proxecto ascende a algo máis de
773.000 euros, “investimento que deberá afrontar o Concello da Coruña para completar o plan de traballos, que, lembremos, se asume porque a propiedade non atendeu as súas responsabilidades”, incidiu Lage. Unha vez que se adxudiquen as obras, o plan de traballo para derrubar o esqueleto terá que completarse nun prazo máximo de catro meses.

Lage destacou, ademais, que a licitación das obras para demoler o esqueleto “dan continuidade ao plan de melloras previsto polo Goberno de Inés Rey tanto no Martinete como na súa contorna”, Cómpre lembrar que, a finais de marzo, tamén comezou a reurbanización da rúa Manuel Ferrol, arredor do residencial do Birloque.

Avances na urbanización do sector 2 de San Pedro de Visma

 Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou, de forma inicial, o estudo de detalle correspondente a catro parcelas residenciais do sector 2 do polígono de San Pedro de Visma, un desenvolvemento que forma parte do Plan de vivenda do Concello para o período 2024-2030.

“A finais de decembro aprobamos definitivamente o proxecto de urbanización deste ámbito, no que se estima a creación dunha bolsa de case 3.600 novas vivendas, das que un 26% serán de protección oficial. É dicir, unha cuarta parte do total”, expuxo Lage. Neste sentido, nas parcelas para as que se aprobou inicialmente hoxe o estudo de detalle prevense, precisamente, usos residenciais de protección, ademais de vivenda libre.

As parcelas están situadas no lugar da Gramela e tamén ao noroeste do ámbito, non moi lonxe da Terceira Rolda. O estudo de detalle en cuestión estará exposto a información pública polo prazo dun mes, tal e como corresponde nestes casos.

0.20147299766541